Un terrorista no coche do Goberno

¿Que tería acontecido se, a embaixada de Venezuela en Madrid, acollese coma hóspede a un terrorista prófugo, condenado pola “Audiencia Nacional” por ter promovido actos de violencia no Estado español, co resultado de máis de 43 mortos (incluído o asasinato de vítimas que foran queimadas vivas), e por dirixir un intento de golpe de estado contra o goberno de España?

¿E se engadísemos que o mesmo fuxido, desde que entrou na embaixada, tivera ao seu dispor salas de reunión protexidas e modernos equipos electrónicos para comunicarse on-line con mercenarios e traficantes de armas, co fin de contratar os seus “servizos”, un dos cales tivera como obxectivo o asasinato do presidente do goberno español?

Pois non se trata de ficción televisiva ningunha, senón exactamente do que pasou na embaixada de España en Caracas desde que, hai ano e medio, acolleu a un ultradereitista venezolano chamado Leopoldo López Mendoza.

OS HÓSPEDES NON FOXEN

Todo iso aconteceu baixo a ollada compracente do embaixador español, que lle deu protección e medios para a preparación de novas agresións, incumprindo a normativa de relacións diplomáticas internacionais, referida a embaixadas, recollida na Convención de Viena.

Esta actividade foi tan pública e evidente que, o pasado mes de xuño, o diario estadounidense “The Wall Street Journal” referiuse a esa situación, vencellada ao desembarco frustrado de mercenarios nas costas de Venezuela. para asasinar ao presidente Nicolás Maduro. Tamén o xornal “The New York Times”, relatou de xeito semellante o que acontecía na embaixada

O cumio desta macabra historia chegou o pasado sábado, día 25, coa suposta fuxida do “hóspede”, Como dixo entón o  presidente da Asemblea Nacional Constituínte de Venezuela, Diosdado Cabello: “os hóspedes non foxen, garanto que o embaixador de España o acompañou ata a porta

Por ese e outros motivos, Venezuela acusou ao embaixador español de ser o “principal organizador e cómplice confeso da fuxida

COMPLICIDADE SEN DISIMULOS

Debido á gravidade dos feitos denunciados, podería parecer que foran consecuencia dunha iniciativa, persoal do embaixador, non controlada polos sucesivos gobernos españois. Agora resulta mais que evidente que non foi así.

Dende hai varios anos, Venezuela queixouse con teima, tanto ao goberno de España como á Unión Europea, de que o comportamento político dese embaixador era incompatible coa súa función diplomática. Mesmo, en xaneiro de 2018, expulsouno do país, polas súas “continuas agresións e actos de inxerencia nos asuntos internos de Venezuela”.

Meses despois,  Silva regresou a Caracas. Vense de comprobar que non actuou só, senón de acordo co consentimento, ou as instrucións, do Goberno. A Secretaria de Estado de Asuntos Exteriores para Iberoamérica e o Caribe, declarou publicamente que, dende hai nove meses, as mensaxes do embaixador Silva eran as primeiras que lía pola mañá e as últimas que lía pola noite.

UN COCHE DO GOBERNO, AO SEU DISPOR

O domingo, 26 de outrubro, o fuxitivo Leopoldo López Mendoza, que saíra clandestinamente da embaixada día e medio antes, chegou a Madrid, vía Aruba e Miami. O goberno español non só non repudiou o acontecido, nin lle prohibiu ao prófugo baixar do avión, senón que – pola contra – envioulle un coche oficial para que o recollese.

Un xornal tan pouco sospeitoso de chavista como o ABC describiu así os preparativos desta acollida: “varios membros do Partido Socialista terían achegado á familia, para coordinar o desprazamento de Leopoldo López. Chegará á terminal, pero un coche do Goberno  o estará a agardar, para recollelo directamente sen que teña pasar polo edificio do aeroporto”.

COMA EN LIBIA

O presidente Pedro Sánchez recibiuno dous días despois. Das palabras do terrorista fuxido, dedúcese que na xuntanza houbo moi bo ambiente; mesmo dixo que comprobou que Sánchez ten “empatía pola causa” da parte da oposición venezolana que el defende, e que ía ser “proactivo” con ela.

Para tentar xustificar o acontecido todo, o PSOE publicou un comunicado no que di que “desexa unha vía pacífica” para Venezuela. Pero esa afirmación, contradí totalmente, non só a traxectoria violenta de López, senón o que el mesmo afirmou na rolda de prensa na que compareceu pouco despois, e na que declarou que, entre as accións que ten previstas para o derrocamento do goberno venezolano, está a aplicación da doutrina da “Responsabilidade de protexer“, é dicir, a intervención militar estranxeira baixo o argumento da axuda humanitaria. Esa “doutrina” só se aplicou unha vez, e foi na Libia no 2011, coas consecuencias de morte e desastre xa coñecidas.

Dous días despois da entrevista, o 29 de outono, a Secretaria de Estado de Asuntos Exteriores para Iberoamérica, dixo no Congreso que o Goberno de España non recoñece ao de Venezuela e engadiu que o embaixador que deu cobertura e apoiou os atentados e agresións armadas contra Venezuela, é “un diplomático extraordinario, ao que lle teño apego

¿QUEN É O PRÓFUGO?

 Leopoldo López Mendoza, ten 49 anos. Fixo tódolos seus estudos en centros dos Estados Unidos, incluída a “John F. Kennedy School of Government”, unha institución estreitamente vencellada á CIA.

Participou activamente no golpe de estado e no secuestro de Chávez en 2002. En 2009 fundou o partido de extrema dereita “Vontade Popular”. En 2014, como líder dese partido, promoveu accións moi violentas no país, que causaron 43 mortos.

Por estes feitos, foi condenado a case 14 anos de prisión, dos que só permaneceu 2 na cadea, xa que logo pasou a estar en “arresto domiciliario”. Pero, en abril de 2019, liderou un intento de golpe de estado que careceu de seguimento, polo que se refuxiou na embaixada de España

CON FRANCO, XA ACONTECÍA

Agora, xa instalado na “little Venezuela“, a milla de ouro do barrio de Salamanca en Madrid, poderá seguir gozando da luxosa vida que sempre tivo, como membro dunha das familias máis ricas de Venezuela.

Poderá facelo en compaña do seu pai, Leopoldo López Gil, convertido hai 5 anos en cidadán español por Mariano Rajoy, mediante un procedemento urxente, que se reserva para “circunstancias excepcionais”. Iso permitiulle ao PP levalo coma deputado ao Parlamento Europeo, para que coordinara a Comisión de Dereitos Humanos. Nese cargo, alén de cobrar 9.000 euros mensuais (mais bonificacións e gastos), a súa única actividade é promover declaracións propagandísticas contra Venezuela.

No barrio de Salamanca, os López terán como veciños a outros “fuxidos de ouro” da xustiza venezolana. Hai antecedentes: en 1968, o brutal ex ditador venezolano Marcos Pérez Jiménez, foi acollido por Franco e instalouse no exclusivo barrio de La Moraleja (perto do Barrio de Salamanca) onde gozou da fortuna que roubara e seguiu a conspirar ata a súa morte, no 2001

O tempo pasa, pero os comportamentos se manteñen, incluídas as mentiras de algúns políticos e dalgúns dos principais medios de comunicación, sobre o que está a suceder en Venezuela.

 

Comparte:

Artigos recentes