Venezuela nos tempos de Chávez

Dialogando sobre o artigo “A Venezuela antes de Chavez”

 

Eu si emigrei a Venezuela, pero a diferencia da maioría dos galegos e galegas que foron aló por necesidades económicas, eu fíxeno por elección persoal. Iso fixo que fora coa idea dende o primeiro momento de vivir coas venezolanas e os venezolanos e aprender delas e deles. Por iso non estiven cos pés en Venezuela e a cabeza na Galiza, pensando no día da miña volta dende que cheguei, como moitos que me precederon.

Marchei porque me petou, dende un país “modelo” como a Suiza a un presunto “Estado falido” como queren dar a entender a meirande parte dos medios de comunicación.

E non lamentei a decisión nin un minuto do tempo que vivín en Venezuela.

A miña comparanza mais fresca na memoria era coa Confederación Helvética onde pasara os tres anos anteriores. E como alguén me dixera, eran as antípodas, non só case no xeográfico, mais en todo o demais.

Pasei dun país no que a xente séntese incómoda se algún descoñecido fálalle do tempo na cola da panadería, a outro no que a xente pode contarlle os seus problemas de parella ao funcionario que se cruce en calquera trámite burocrático porque “de algo hai que falar”. Dun lugar no que o sol non queima nin no verán a outro onde o sol tropical esaxera todas as cores, dun onde todo é orde e planificación a outro onde as normas de tráfico tómanse coma simples “consellos”, non moi importantes e planificar algo cun ano de anticipación é case que inconcibíbel.

Despraceime dunha rexión onde case que todos os abrigos, vehículos e casas teñen cores non rechamantes e non chamar a atención é virtude, a unha onde canta mais cor mellor; “que se note que estou”. Cheguei dun sitio onde todo era pulcritude e seguridade, a outro onde algunha xente, polo de agora, non interiorizou que non debes botar o envase usado onde che pete. Mudeime dun cantón onde o teu veciño podía chamar á policía se falabas moi alto pola noite, a unha república onde a música, as máis das veces a “todo timbal”, síntese golpear no corpo antes de escoitarse e úsase como reclamo de calquera cousa.

Dos homes grises de Momo, ás figuras luminosas de Reverón. Da noite ao día. Da orde mais absoluta ao que Henri Charrière, “Papillón” describira na súa biografía como “o alegre caos de Caracas”.

Non vou dicir que ás veces non tiven morriña dalgunha cousa que deixara atrás, nin que non gustei nada do país dos mestres chocolateiros ou que cheguei ao país das lambonadas no mundo das piruletas. Non. Houbo cousas boas e malas, pero nunca lamentei a decisión.
Eu non sei se podería dicir que a Caracas que eu atopei era a cidade do medo como aquela que atoparan algunhas, chegando da aldea, décadas atrás,pero si podo asegurar, que é a cidade na que a un lle metían medo. Aínda que é certo que xa tiña visitado o país antes, e xa máis dun residente tentara facerme entrar en pánico, non foi até que me instalei aló que as ameazas de todos os supostos horrores que podían acontecerme naquela capital tiveron algún efecto en min. Non saias de noite, non fales moito con ese sotaque, non saques o móbil na rúa, etc. O peor, algúns autóctonos metendo o medo no corpo.

Precisei varios meses para comprobar que podía falar como me parecía, onde me petara. Tamén que podía saír de noite e mesmo de esmorga, ou en coñecer onde e cando era prudente sacar o teléfono na rúa ou non. Pero, cedo decateime, que a boa xente de Venezuela non eran unha especie de vampiros sanguinarios que saían pola noite e alimentábanse de teléfonos móbeis e disparar tiros ao ar, mais un pobo acolledor, pacífico pero firme, e cheo de boa xente que desfrutaba a súa cidade como eu aprendín a facer.

A Universidade Central mudou moito dende os setenta e oitenta, e de loitar pola abolición do “cupo” e o transporte estudantil, pasou -produto desas mesmas cotas que fixeron que, a pesares de ser unha Universidade pública, a maior parte dos seus estudantes procedan de familias con niveis de ingresos por enriba da maioría-, a ser maioritariamente un reduto de defensa dos privilexios e das clases altas locais.
O que si mirei arder, foron ás rúas das zonas desa mesma clase media-alta durante as “guarimbas” (protestas violentas da oposición), como destruían as súas propias zonas, como queimaban autobuses e como lles botaban as súa propias feces aos policías aos que mirei actuar cunha paciencia que nunca na miña existencia vira. Non vou dicir que mirei queimar a rapaces vivos por seren negros e chavistas, porque iso mireino pola televisión, pero todo o anterior, presencieino debaixo da miña casa.

Cando eu cheguei o presidente era Chávez, vivín a súa morte e os seus funerais (sen dúbida o acontecemento de masas mais impresionante que teño vivido) e seguín en Venezuela cando Maduro gañou as eleccións.

A política en Venezuela

Si algo sorprende en Venezuela é o nivel de debate político que non teño mirado en ningún outro país. Todo o mundo, en todas partes, sexa cal for o seu nivel educativo, ten unha opinión política formada, que discute dende a barbería, ate no vagón de metro, nas casas ou nas colas. En calquera sitio, a calquera hora.

Isto sorprende vindo dun lugar (e tendo estado en moitos outros), onde os temas principais de conversa son o fútbol ou o último programa de moita audiencia da televisión. Sorprende gratamente por un lado. Pero tamén molesta, cando un fillo e neto de represaliados por unha ditadura de verdade, escoita berrar con forza, no metro, na rúa, na televisión ou na radio; “esto es una dictadura!”, a quen descoñece as consecuencias de pregoar esas frases, publicamente, nunha ditadura de verdade.

 

Marcha Chavista

 

 

A pesares diso, resulta gratificante descubrir, que dun país do que até hai non tantos anos moita xente, pola nosa ignorancia, tiñamos coma principal referencia, os concursos de mises e os culebróns, que o tema mais recorrente hoxe en día nesa sociedade sexa como organizarse para facer un mellor país

Iso si, atopeime moitos que teñen morriña daqueles tempos onde o acontecemento nacional era a elección dunha Miss que en nada semellaba a unha muller venezolana e a clase media alta viaxaba a Miami a dicir aquelo de “ta´ barato dame dos” e consumir absurdamente mentres millóns dos seus compatriotas vivían en “ranchos” (chabolas), e facíanlle as tarefas domesticas. Este grupo de poboación tende a dicir que “Chávez os dividiu”, porque entenden que a asunción submisa dese nivel de desigualdade por parte dos pobres, é a orde natural das cousas.

 

División

Outro aspecto interesante da vida política en Venezuela é que non consiste en tres anos de letargo, un mes de insoportable e aburrida propaganda electoral e despois ir a votar.

A política en Venezuela e algo que faise todos os días, a todas as horas, dende as discusións nos consellos comunais (especie de asociacións veciñais pero con moito mais poder de decisión, acción e recursos outorgados polo estado) até as marchas da oposición e o goberno, tan frecuentes que fan que o ser humano sexa de verdade o “animal político” do que falaba Aristóteles, e non un simple ser pasivo que cada “X” anos ten que decidir a quen votar, en función dunhas campañas publicitarias ben financiadas.

 

Marcha da oposición.

Alén de que no seu sistema electoral o fraude resulta practicamente imposíbel, xa que existen dúa constancias de voto, unha electrónica e outra en papel, polo tanto,nese senso, teñen as mesmas garantías ca nós, pero teñen ademais a garantía engadida dunha verificación da pegada dactilar que evita os dobres votos ou as suplantacións de identidade e, para remate, non so se contan as papeletas de voto, momento moi propicio ás trampas en calquera país, senón que utilízanse unhas máquinas cun software previamente auditado, tanto polos partidos do goberno como os da oposición, que permite que persoeiros coma o ex-presidente estadounidense Jimmy Carter, a través da súa organización dedicada á observación de procesos electorais, teña declarado o sistema electoral venezolano como; “o mellor sistema electoral do mundo”.

A saúde en Venezuela

Se algún sector coñecín a fondo foi ese, porque foi no que traballei. Achei cousas que me sorprenderon positivamente e outras o contrario, pero probablemente o mais rechamante foi o contraste entre como a maioría dos pacientes falaban dos profesionais cubanos que os atenderan na “Misión Barrio Adentro” e como moitos dos seus colegas venezolanos falaban dos mesmos. Os pacientes estaban en xeral moi contentos mentres, moitos dos médicos venezolanos, saídos das antigas universidades mencionadas, depreciábanos tanto a eles como aos novos médicos saídos dos centros de estudos creados polo goberno bolivariano, durante os últimos vinte anos.

Algunha xente preguntarase que é iso da “Misión Barrio Adentro”. Pois foi un programa creado por Chávez coa axuda de Cuba para facer chegar a atención médica primaria aos “barrios” (favelas) e zonas apartadas do país, onde moita xente nunca tivera acceso a un médico. Foi a primeira dun conxunto de “Misións” que son maneiras de levar diversos programas sociais de saúde, vivenda, alfabetización, educación, etc. Para que cheguen á xente que os precisa e non se perdan na burocracia estatal herdada dos gobernos anteriores.

 

                                                                                               

Para volver coa miña experiencia persoal, puiden mirar como son os hospitais por ter traballado un tempiño nun, pero como por sorte teño boa saúde, o único que precisei foron dúas veces atención odontolóxica, nas que elixín ir a Barrio Adentro e tiven que agardar a que me atenderan, si, nun lugar bastante rudimentario, pero por primeira vez na miña vida (e teño vivido en 3 países de Europa occidental, incluíndo algún dos mais ricos) o meu tratamento odontolóxico foi completamente gratis e non me pediron documentación para tratarme, unicamente ao rematar e a efectos estatísticos. Iso é de verdade, asistencia universal e gratuíta.

Tamén, porque hai que contar toda a verdade, teño a experiencia dun amigo que rachou un oso do brazo nun accidente de tránsito e tivo que agardar uns días a ser operado, porque ese tratamento é nos hospitais, non en Barrio Adentro. Pero iso, seica non é un fenómeno que naceu co chavismo.

A inseguridade

 

Sen dúbida, a cidade de Caracas é perigosa comparada con calquera vila galega, tamén sen dúbida, eu que coñezo Colombia, non tiven de xeito ningún , maior sensación de inseguridade nun país que noutro, e tamén sen dúbida, o perigo real que atopei era moito menor que o medo que me meteran no corpo.

Polo demais, escoitei moito falar e lin sobre asasinados por armas de fogo, iso si, en cinco anos que pasei no país, non mirei unha arma que non fora dun policía ou militar, nin unha “plomazón” (como lle chaman aos tiroteos). E movinme por toda Venezuela. Insisto, obviamente é un problema que existe e que non se pode obviar vivindo aló, o que digo e que nos cinco anos que pasei alí, non o vivín.

 

 

En canto á corrupción da policía é un vello problema que segue a existir, do que si teño constancia é de que téñense feito esforzos por depurar eses corpos, porque coñezo a quen traballou niso e de feito mesmo creouse unha nova policía.

Do mesmo xeito que me refiro á corrupción policial, tamén falo da paciencia policial. Aínda que, como dixen, teño vivido en varios países e visitado varios continentes, nunca mirei unha policía antidisturbios cunha santa paciencia como a venezolana. Vina aturar insultos dos peores xeitos, recibir tarros cheos de feces dos manifestantes, (puputov chamábanlles), pedras, empurróns… Sen reaccionar. Isto para alguén que teña estado nalgunha manifestación, folga etc. Con antidisturbios na Galiza, poderá parecer unha utopía e moitos diranme que é mentira. Falo do que mirei, non do que me contaron.

                                                                           

                                                                           

O dereito de acceso

Lembro unha anécdota que vivín. Seica hai anos, pola razón que fose, a xente mais pobre non podía ir aos sitios que ía a clase media e alta, o que fixo que escoitara un día a unha rapaza dicir que non lle gustaba certo centro comercial, dos mais grandes de Caracas, porque “ahora dejan entrar a gente fea”. Non tiña nada que ver coa beleza da xente que frecuentaba o lugar, porque sen dúbida quen aquelo dicía non era unha Venus, se non que “xente fea” é un dos moitos termos clasistas coma “tierruos” ou “pata en el suelo” que certos estratos acomodados (ou wannabes) usan en Venezuela, para referirse aos pobres.

 

 

 

O que sigue no mesmo sitio que nos anos oitenta, é a Irmandade Galega ou “Hermandad Gallega” como lle chaman, da avenida Mariperez. Convertida, nun club elitesco no que ningún venezolano pode entrar se non é invitado por un socio que á súa vez, para selo, ten que ter a capacidade de pagar por “accións” do club. Eu estiven unhas poucas veces dentro, dabondo para ver que os partidos que daban en pantalla grande eran os do Madrid e o Barça e non os do Celta ou Deportivo e que os pementos “de Padrón” servíanos con chistorra, sendo iso o mais galego que conseguín comer nos seus restaurantes. Tamén que daban mais importancia ao tenis e o pádel que á cultura galega. Reforzou esa impresión o feito de que o ano que cheguei, celebraban o que eles chaman o “Día del Apostol”, con entre outras cousas, “cantos rocieros”. Pero non quero ser inxusto, a pesares de que teñan convertido o que un día foi outra cousa, nun lugar onde certos políticos galegos van mercar votos, tamén aló coñecín algunhas boas persoas que aínda loitaban por manter aceso o facho da cultura galega.

O interior do país

Esa parte do país da que, como adoita suceder con esa superioridade que tentan amosan algúns habitantes de capitais cara ós seus compatriotas, moitos Caraqueños din que é “monte y culebra” e que para moitos habitantes das zonas acomodadas das grandes cidades venezolanas, non existe, do mesmo xeito que lles acontece coa xente que vive nos “barrios”.

Visitei pobos do interior en mais de dezaseis estados , e dicir, a maioría do país e en todas partes atopei lugares magníficos e xente excelente. Unha vez máis, contrastes en todos os sensos, sempre rechamantes,algúns ferintes e fermosos nas máis das ocasións.
Por iso nunca entendín a certos venezolanos que preferían viaxar a Miami, antes de coñecer o seu país.

 

 

 

 

En pobos como Elorza ou Choroní aconteceume estar de festa (nisto os venezolanos son expertos) noites enteiras en praias ou concertos, ate o abrente do seguinte día, en paz, harmonía e felicidade absoluta. Só menciono isto porque hai quen di que en Venezuela a xente ten medo a saír polas noites.

Os “barrios” e os seus “ranchos”

Cando falo de barrios, estou a falar desas zonas nos “cerros” ou ladeiras de Caracas que xa estaban aí nos oitenta. O equivalente do que en Brasil coñecese como favelas.

Son areas de construcións informais, e precarias. Seguen aí, nos mesmos sitios que nos oitenta, aínda que a maioría das vivendas xa son de bloques e as veces mesmo casas de tres pisos. Agora, en moitas partes da cidade están pintadas e arranxadas grazas á Misión Barrio Nuevo Barrio Tricolor e á organización comunitaria. E por outra banda, parte dos seus habitantes téñense mudado a outras zonas da cidade grazas a Misión Vivenda que ten outorgado mais de tres millóns de vivendas a familias de baixos recursos.

 

 

 

A diferencia do que acontecía hai vinte anos, hoxe eses barrios teñen asistencia médica primaria, a través da “Misión Barrio Adento” e todos os seus habitantes “existen” oficialmente grazas á “Misión Identidade”.

Logo de que foi alfabetizado todo o mundo nos tempos de Chavez, as persoas que alí moran poden estudar se queren, grazas a diversas políticas como as “Misións Ribas”, “Robinson” e “Sucre” de educación primaria, secundaria e superior. Isto é así a pesares das burlas que reciben eses programas de moita xente titulada nas universidades tradicionais.

Por outra banda, non sei como se chegaba a esas zonas nos anos setenta e oitenta, pero vivindo eu no país, construíronse medios de transporte para chegar a moitas desas areas, coma un teleférico (metrocable) e un pequeno tren elevado na zona de Petare.
As elites e a parte da clase media con ínfulas, seguen pechadas nas súas “quintas”(chalés) e urbanizacións, arrodeados de valados electrificados, e nos casos dos ricos, mesmo con garitas de vixilancia.

Eu teño coñecido bastante xente que sendo de clase media, e sendo venezolanos, non teñen ido nunca a un barrio. Eses mesmos que non van, falan moitas veces de esas zonas coma se fose unha especie de Mordor, a Terra Escura do Señor dos Aneis, onde vivisen malandros e criaturas ignorantes culpables da súa sorte. Pero cando un vai, o que mais atopa é xente boa, traballadora, moitas veces mais solidaria que noutras partes da cidade e un ambiente moi parecido ao dunha aldea, xa que os veciños coñécense e comparten.
No caso de Petare, moitos deles son colombianos e descendentes seus, que gozan das mesmas axudas que os venezolanos, incluída a cidadanía que se lles outorgou en vida de Chavez.

Últimos anos

Non podo falar dos anos oitenta nin do Caracazo mais que de ouvidas. Iso si, alguén moi próxima a min, pasou fame e todo tipo de penurias neses anos nos que algúns din que Venezuela era un pais rico e próspero. O certo e que Venezuela non foi nin é un país rico en canto ao nivel de renda. O que o país ten son recursos naturais, que non implica nin moita riqueza dos seus habitantes, nin unha xusta distribución da mesma.

Cando cheguei a primeira vez, aínda atopei algúns nenos vivindo na rúa (infinitamente menos dos que teño visto nas rúas de Colombia) pero nos anos seguintes, deixei de mirar ningún.

O nivel de vida da poboación semellaba mellorar co tempo. A inflación era alta comparada con Europa pero razoable, había un control de troco pero a xente tiña acceso a un “cupo” ou cota en dólares que lles permitía viaxar e facer compras no exterior, e do que se aproveitou sobre todo a clase media.

Entón chegou a guerra económica, que xa existía pero paliábase coa grande renda petroleira.

Chavez sufriu a súa estraña enfermidade, boa parte dos empresarios que achantaban os produtos de primeira necesidade dende había tempo, para non ter que vendelos con prezos regulados (accesíbeis), miraron a oportunidade de especular aínda mais e coma no Chile de Allende, comezaron a facelos aparecer e desaparecer intermitentemente.

Cando se controlou ese ataque, comezou outro contra a moeda e dende páxinas web de Miami e Colombia comezouse a dar un prezo sen relación con ningún fundamento de mercado. Isto foi posible pola existencia dun mercado negro de troco. Os empresarios pola súa parte fixaban os prezos en función desas páxinas, o que provocou que a inflación aumentase exponencialmente.

Todo isto, xunto a outro tipo de ataques á moeda e a baixada dos prezos do petróleo provocou un deterioro importante nas condicións de vida que acrecentouse co bloqueo económico e comercial, declarado por Estados Unidos nos últimos anos, o que non evitou que todas as “Misións” sigan en marcha ou que moita xente non esqueza quen os fixo pasar de ser os ninguén, a cidadáns de pleno dereito.

 

Comparte:

Artigos recentes