No pasado xullo, días antes de vir á Galiza a visitar a casa paterna dos Castro, a deputada cubana Mariela Castro Espín lembrou a capacidade tanto de Fidel e Raúl como de Vilma Espín, “para escoitar, dialogar e pór en práctica na vida cotián moitos dos principios que o Código afirma”. Referíase ao “Código das Familias”, que ven de ser aprobado nun referendo celebrado en Cuba o pasado domingo, día 25, e do que Mariela Castro foi unha das principais impulsoras.
O documento, sometido a un gran debate público durante meses, é unha ampla relación de normas dedicadas a protexer os afectos e o respecto polas diferenzas, como bases sobre as que compre crear e manter as relacións familiares. Isto acontece nun país que, como lembra a xornalista Rosa Miriam Elizalde, “é líder rexional en materia de dereitos das mulleres, que encabezan o 46% dos fogares, son o 60% dos profesionais e, dende 1961, teñen dereito ao aborto e, na maternidade, a dous anos de baixa”.
Durante o período de consultas populares, que comezou o pasado 1 de febreiro, o Código foi discutido en máis de 79.000 xuntanzas convocadas nos barrios e centros de traballo, para engadir propostas ou sinalar erros. Tamén foi debatido en reunións fora do país, para escoitar as opinións das cubanas e cubanos que están a residir no estranxeiro.
As críticas
Nestes debates, nos que participaron case que 6,5 millóns de persoas (o 75,93% da poboación en idade de votar), houbo críticas dun sector da sociedade -aínda ancorado nun enfoque patriarcal e machista- e tamén de institucións relixiosas, que rexeitan o aborto, o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, a adopción por homosexuais, os embarazos de subrogación (sen ánimo de lucro), ou que no ensino público se impartan contidos relacionados coa educación sexual, para a infancia e a adolescencia. Malia esas críticas, o 66,87% das persoas que votaron no referendo se pronunciaron a prol do texto.
O Código, amplía e fortalece os dereitos das mulleres, a protección da infancia e permite que as parellas homosexuais adopten fillos. Recoñece, así mesmo, o dereito de todas as persoas a construír o proxecto vital que decidan, nun marco de respecto aos demais “sexa cal for a súa forma de organización”, segundo os seus valores, ideas e expectativas, en definitiva, dacordo cas súas conviccións.
Segundo o documento, os pais terán a responsabilidade (en vez da custodia) dos fillos. E as nenas e nenos poderán ter dous pais e unha nai, ou dúas nais e un pai, se así o decide a familia.
Tamén se permite a “xestación solidaria”, tanto en beneficio de mulleres que sexan estériles, ou con algunha patoloxía clínica que impida o embarazo, como de homes solteiros ou parellas de homes. O Código introduce o concepto de “comaternidade”, para referirse ás parellas de lesbianas con fillos. Poderase escoller a orde dos apelidos das fillas e fillos e, se son menores de idade, terase en conta a que resulte máis beneficiosa, mantendo o respecto pola súa identidade.
En referencia ás persoas maiores, o documento amplía os seus dereitos e a súa protección. Por exemplo, no caso de conflito co pai ou coa nai, os avós e avoas terán dereito a ampliar os permisos para garantir a comunicación cos seus netos, incluíndo a posibilidade de asumir a “responsabilidade parental” dos menores.
Tanto ás persoas maiores como ás que teñan algunha discapacidade, recoñéceselles o dereito efectivo a unha vida independente, a escolla do lugar de residencia e o xeito de participación social e familiar que prefiran. Tamén se recoñecen e protexen os dereitos doutras persoas en situación de vulnerabilidade que, no espazo familiar, se poideran atopar en calquera circunstancia de desvantaxe.
Sesenta e un anos de agresións
Logo de aturar durante 61 anos de bloqueo e agresións dos EEUU (o seu veciño milhomes), Cuba non só é quen de ser solidaria con calquera país que llelo pida, ou de facer proezas coma a de estar na elite internacional da biomedicina, senón tamén -como dixo Mariela Castro sobre o Código– de acadar a vangarda mundial na protección dos afectos e dos dereitos máis íntimos.