Na Galiza, o nome de México transmite a emoción dun país que está sentimentalmente perto, malia a distancia xeográfica que nos separa. É así, porque México sempre recibiu á nosa emigración coas portas abertas, incluíndo aos exiliados da guerra civil, que foran acollidos de xeito extraordinario.
Agora, un presidente nacionalista e de esquerda, Andrés Manuel López Obrador (AMLO), está á fronte dun goberno paritario de homes e mulleres, que loita con éxito a prol da mellora das condicións de vida do pobo, da rexeneración da política, da soberanía do país e do achegamento ao resto de Latinoamérica, para cumprir o que – no seu programa electoral – chamou “A Cuarta Transformación da vida pública de México”
López Obrador é unha persoa sinxela, austera, que fala “sen papas na boca” e rexeita as formalidades da política. O diario “La Jornada” conta que – dende que foi elixido presidente – as elites empresariais, sociais e políticas, os medios de comunicación e as multinacionais o están a atacar “contra vento e marea“. Dende aquela, en decembro do 2018, multiplicou os programas de axuda social, mantén unha dura batalla contra a corrupción e os abusos das empresas multinacionais, e volveu situar a México coma un país de referencia en América.
Velaí algúns dos seus principais desafíos:
PENSIÓNS E AXUDAS SOCIAIS
AMLO subiu as pensións como non tiña acontecido nos últimos 40 anos e comprometeuse a que, para xaneiro de 2024, as pensións dos adultos maiores serán o dobre das actuais.
Conseguiu que o 65% da poboación mexicana xa se estea a beneficiar dalgunha axuda económica. O seu compromiso é que, antes de dous anos, esa porcentaxe chegue ao 70%. Pois que os Gobernos anteriores privatizaran a Banca pública, ven de crear un gran Banco estatal, para que o diñeiro dos programas sociais se poida entregar sen intermediarios e tamén para que, as persoas beneficiarias, poidan cobrar subvencións, ou recibir créditos baixo palabra, en calquera das instalacións dese Banco.
REFORMA DO SECTOR ELÉCTRICO

De tódalas iniciativas que lanzou o presidente, a que máis impacto mediático tivo foi o seu Plano de Reforma do sector das empresas de subministración eléctrica, que anula a privatización realizada por Gobernos anteriores, aos que o Presidente acusa de entregarse ás multinacionais (entre as que as españolas ocupan o lugar máis importante). O Plano inclúe un compromiso coa cidadanía de redución da factura da luz.
AMLO di que, no México, “xa pasou o tempo no que os políticos estaban ao servizo das empresas”
Esta reforma significa unha viraxe radical de provedores de enerxía eléctrica. Agora, pásase a dar preferencia ás empresas públicas fronte as privadas, porque “non se lle pode dar o mesmo trato a Repsol ou a Odebrecht que a unha empresa pública sen ánimo de lucro, para que non medre o prezo da electricidade”.
O “XEITO GANSTERIL” DAS EMPRESAS ESPAÑOLAS
A reforma provocou unha reacción inmediata das multinacionais españolas con intereses no país, entre elas Iberdrola, OHL ou Repsol, que están a promover unha campaña mediática contra o Goberno. López Obrador acusounas de obteren “contratos abusivos á custa de México e manter vencellos ocultos con altos cargos dos Gobernos anteriores”.
Sinalou nomeadamente a Iberdrola: “o exemplo máis claro, vergoñento e humillante que, de xeito gánsteril, levou a traballar con eles á ex-Ministra de Enerxía do Goberno Federal, e tamén levou ao expresidente Felipe Calderón ao seu Consello Directivo”.
Ao remate, é exactamente o mesmo procedemento das “portas xiratorias”, que seguen a practicar de xeito cotián no Estado español, con ex-presidentes do Goberno (como Aznar ou Felipe González), ou ministros (como Josep Borrell).
López Obrador – citando ao xornal “El País” – cuestionou que “todo o que ten que ver connosco, coa loita contra a corrupción, sexa criticado polos medios nacionais e estranxeiros, que calan coma momias cando lles convén, e berran coma pregoeiros cando cadra defender os intereses dos grupos económicos e políticos”. “Que se entenda ben – engadiu – México non é terra de conquista, non virán a nos saquear”
OFENSIVA DAS MULTINACIONAIS

Os ataques contra AMLO son exhibidos abertamente polos seus promotores. Dese xeito, directivos das grandes empresas españolas, que andan a facer negocios en México, proclamaron: “durante o primeiro ano do goberno de López Obrador, as empresas españolas estivemos a agardar, pero agora estalou unha guerra“, contra do presidente.
Segundo eles, “a pinga que rebordou o vaso, foi precisamente a reforma do sector eléctrico. Nesta guerra, ademais das empresas xa citadas, tamén participan – entre outras – Naturgy (Unión Fenosa), Banco Santander, BBVA, e Acciona (investigada en México por branqueo de capitais).
Tamén participan os máis salientes medios internacionais, como a revista “The Economist”(da Banca Rothschild), que, o pasado mes de xuño, días antes da celebración en México dunas eleccións parlamentarias decisivas, publicou un editorial, longo e agresivo contra López Obrador, no que o acusou de ser un “perigo para a democracia” e pedía abertamente, ao pobo mexicano, que non votase polo seu partido (Movemento de Rexeneración Nacional).
O texto foi reproducido con entusiasmo polos principais medios internacionais. Pero non acadaron o seu obxectivo: nas eleccións gañou o partido do Presidente e mailos seus alidados.
A ofensiva, mediática e política, continúa con moita forza. As multinacionais do sector eléctrico seguen a tentar transmitir a súa “gran preocupación” pola reforma. Pero é evidente que o seu senso da “preocupación” é selectivo: na nosa terra, a esas mesmas empresas non se lles ve preocupación ningunha pola gran estafa que están a cometer contra a cidadanía, nomeadamente dende o pasado mes de xuño, cando as tarifas de electricidade comezaron a bater “récords” de xeito cotián, diante a pasividade do Goberno.
O MAL VECIÑO

Como é ben sabido, os Estados Unidos é un veciño afeito a impor o que quer á meirande parte dos países latinoamericanos. Este tamén era o caso de México, até que chegou López Obrador e – como di a cantiga do cubano Carlos Puebla – “ordenou a parar”. Velaí algunhas das súas intervencións:
- Aboliu a inmunidade diplomática, coa que axentes da CIA e da DEA actuaban no país, mesmo por enriba dos Gobernos, sen atranco ningún.
- Denunciou o financiamento que daban os Estados Unidos a varias ONG e medios de comunicación ao servizo da dereita mexicana
- Respondeu con firmeza ao Goberno USA, polas acusacións oficiais sobre os dereitos humanos en México. Como manifestara López Obrador: “Nós, non dixemos a nosa opinión sobre as violacións dos dereitos humanos nos EEUU, somos respectuosos. Entón, ¿por que o seu Goberno opina sobre asuntos que só son unha cuestión interna dos mexicanos?”
- Enfrontouse ao lobby dos agronegocios, promovido por empresas coma Monsanto, e protexido polo Tratado de Libre Comercio cos EEUU e Canadá, que impuxera en México o uso masivo de agroquímicos contaminantes.
A MENTIRA DO FMI
O Fondo Monetario Internacional, estaba afeito a impor as súas “recomendacións” a prol da elite económica e dos grandes investidores estranxeiros. AMLO cortou radicalmente a situación: “Xa non son eles os que ditan a axenda do Goberno de México”, dixo. E engadiu: “é incrible que aínda haxa Gobernos que o escoiten (ao FMI)”.
Xustificou a súa decisión cun comentario que paga a pena enmarcar: “Non vou endebedar ao país para rescatar aos potentados e que amoreen máis riqueza, mentres a xente é cada vez máis pobre. Ese é o modelo que eles recomendan: axudar aos de arriba coa falsa idea de que, se aos de arriba vailles ben, tamén iralles ben aos de abaixo”.
INTEGRACIÓN DE LATINOAMÉRICA
A Organización dos Estados Americanos (OEA), á que Fidel Castro cualificara coma o “Ministerio de Colonias dos Estados Unidos”, baixou o último chanzo do descrédito coa súa participación no golpe de estado en Bolivia, contra Evo Morales, no 2019.
López Obrador dixo, o pasado mes de xullo, diante dos dirixentes de 33 países latinoamericanos e caribeños, que cumpría traballar para substituír a OEA por “un organismo verdadeiramente autónomo, non lacaio de ninguén, pois temos motivos poderosos para afirmar a nosa soberanía e amosar que non somos un protectorado, unha colonia ou o patio traseiro (dos EE. UU.)”.
Non foi por acaso que fixera esta intervención na asemblea da Comunidade de Estados Latinoamericanos e do Caribe (CELAC), creada a iniciativa de Hugo Chávez para avanzar na integración desa gran rexión do mundo.

CUBA, PATRIMONIO DA HUMANIDADE
É un defensor teimudo a prol de Cuba e contra o bloqueo estadounidense, do que dixo que é “medieval” e “inhumano“.
Aínda o pasado 16 de setembro, na celebración do Día da Independencia de México, declarou: “Coido que, pola súa loita en defensa da soberanía do seu país, o pobo de Cuba é merecente do premio da dignidade. Por ese motivo a illa debería ser declarada patrimonio da humanidade e, polo seu exemplo de resistencia, debería ser considerada coma a nova Numancia“.
OS PARTIDOS DE ESQUERDA NO ESTADO ESPAÑOL
Hai meses, AMLO lembroulle ao Goberno español a súa petición respectuosa – feita hai dous anos – para que pedira desculpas polos “excesos de autoritarismo” cometidos por España na “conquista” de América. Pedro Sánchez e mailo rei non só non lle responderon, senón que “filtraron” a súa carta aos medios. E López Obrador denunciou: “entón, comezaron os ataques en contra miña e do meu Goberno, tanto das autoridades españolas coma dos intelectuais pro-monárquicos coma Vargas Llosa e outros escritores, da prensa, da radio e da televisión en España, con moita prepotencia. Esquecen que o poder é humildade”.
Lembra tamén que o Goberno de México mantén unha relación de respecto co pobo de España, pois “as diferenzas son só co Goberno e cos cumios do poder”. E, ao referirse aos partidos de esquerda no Estado español, dixo: “O franquismo está a xurdir en España, porque os partidos de esquerda deixaron espazos de liderado e se esvaen. Non ancoran, zigzaguean, queren estar no centro, malia que compre representar a algo e a alguén con moita claridade. Hai algúns partidos que se definen a si mesmos como de esquerda pero, cando queren “quedar ben”, esváense e a xente xa non sabe a quen representan”.
“É ERRADO QUERER ESTAR A BEN COS DE ENRIBA”
Despois de case que tres anos de Goberno, e malia a abafante campaña de manipulación mediática en contra súa, o presidente López Obrador segue á beira do pobo a defender a soberanía do seu país, cun nivel de aprobación superior ao 60%, case 10 puntos por enriba da que obtivera cando foi elixido presidente. El o explica deste xeito: “é errado matinar que un se vai manter só con relacións públicas, estando a ben cos de arriba e xestionando unha boa imaxe diante dos medios de comunicación.”