O medio é a mensaxe

O Goberno de España – inquedo pola paz no mundo- decidiu bloquear a venda de repostos para equipos militares a Venezuela, alegando “inestabilidade interna e falta de recoñecemento polas autoridades”, segundo informa “El País” na nova que engadimos ao remate deste comentario.

Facendo un esforzo por interpretar eses “tecnicismos”, pode deducirse que o goberno español:

  1. chama “inestabilidade interna” ás agresións e sabotaxes contra Venezuela, dende Colombia e Brasil, coa complicidade dos seus respectivos gobernos e instigadas polos EEUU.
  2. cualifica de “falta de recoñecemento polas autoridades”, á actitude –contraria á opinión da ONU e da meirande parte dos países do mundo- de considerar presidente “lexítimo” de Venezuela ao autoproclamado Juan Guaidó, ao quen até o Trump semella estar a darlle as costas

                                                                                                       Amigo do goberno

Parece que o Goberno, para xustificar a súa negativa a subministrar recambios para defensa, a un país que está a ser atacado, considerou útil vernizar a súa decisión cunha suposta preocupación ética. E dirixiuse a un amigo: “El País”.

Para as tarefas de disfrazar a verdade, “El País” é un aliado ideal: minte sen atrancos e tenta usar unha imaxe progresista, para enganar aos lectores do centro-esquerda. O artigo que axuntamos, do pasado 9 de xuño, ten ese obxectivo.

                                                                                                     O abafante veto de 17.000 €

Por exemplo, o titular da noticia reza: “O Goberno vetou a venda de grillóns á policía israelí e suspendeu os contratos de armas con Maduro”, nun intento de equiparar a paralización dunha pequena venda de equipos policiais a Israel, coa negativa a vender toda caste de material de defensa a outro, tan diferente como é Venezuela.

Mesmo que só fixéramos unha comparanza numérica, do impacto sobre as dúas subministracións, o resultado é evidente. O veto a Israel é por 17.000 € e nin sequera é material militar, senón destinado á policía. Pola contra, no caso de Venezuela, se suspenden os contratos todos, que suman máis de 20.000.000 €.

                                                                                                       Explicación conmovedora

A explicación que deu a Secretaria de Estado de Comercio, de que anularon a operación con Israel “por temor a que servise para violar os dereitos humanos”, sería conmovedora se non fose por algunhas circunstancias.

A primeira delas é que esta pequena venta só representa o 0,3% de todo o material de guerra vendido no último ano a Israel, que emprega para reprimir ao pobo palestino (aínda que a nova diga – por dicir algo- que “parte deste material está destinado a facer probas”).

                                                                                                             “Temor” reprimido

Alén diso, acontece que o Goberno de España non semella ter ese mesmo “temor” á venda masiva de armas a algúns dos seus principais clientes, coma Turquía, Arabia Saudita ou os Emiratos Árabes Unidos, nos que -como é coñecido abondo- os dereitos humanos non están entre as súas inquedanzas.

Unha atención especial merecen a Arabia Saudita e os Emiratos Árabes Unidos, responsables -dende hai anos- da guerra no Iemen, que se considera o maior xenocidio do mundo na última década, como xa ten sido denunciado por moitas organizacións internacionais.

                                                                                                             Cuestión de concepto

No último ano o Goberno autorizou vendas -a eses dous países- por aproximadamente 600 millóns de euros en material militar (ás que hai que engadir outros 1.800 millóns pola compra de cinco barcos de guerra). As subministracións inclúen bombas de precisión e armas e municións de todo tipo, das que están a ser vítimas 28 millóns de iemenitas.

A pesar diso, a Secretaría de Estado de Comercio, asegura -para deixar as cousas claras- que “non houbo embargos sobre Riad, nin revogación das licenzas xa concedidas, nin bloqueo doutras

Albíscase que, segundo “El País”, o Goberno de España ten unha idea peculiar de conceptos como “inestabilidade interna”, “falta de recoñecemento polas autoridades”, ou mesmo “xenocidio”.

                                                                                                            Dime con quen andas

Xa dicíao, hai moitos anos, o gran teórico da comunicación Marshall McLuhan: “o medio é a mensaxe”.  E, no noso caso, abonda con lembrar que, entre a media ducia dos principais accionistas de “El País”, están: o Fondo abutre “Ambar Capital” (con base nos Estados Unidos), o “Banco HSBC” (o terceiro do mundo), o Fondo israelita “Adar Capital”,  e o Fondo árabe “IMG”.

 

https://elpais.com/espana/2020-06-09/el-gobierno-veto-la-venta-de-grilletes-a-la-policia-de-israel-y-suspendio-los-contratos-de-armas-con-maduro.html

 

Comparte:

Artigos recentes