O pasado mes de novembro, levouse a cabo un golpe de estado en Bolivia, dirixido por Estados Unidos a través da OEA. Daquela, a desculpa fora que, nas eleccións que se viñan de celebrar no país, houbera fraude. Con este fin, a OEA redactou un informe cheo de falsidades, que serviu como pretexto para derrocar á forza o goberno de Evo Morales.
Agora, o xornal The New York Times, na súa edición do pasado domingo, día 7, cuestiona a validez dese informe, que fora preparado ás présas pola OEA. O xornal neoiorquino indica que o documento en que se baseaba a acusación de fraude é “deficiente” e foi preparado con datos “incorrectos” e “inapropiados”. Esta opinión concorda con moitas outras expresadas anteriormente, como as do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (publicada no “Washington Post”) ou a CELAG. Nin que dicir ten que, a pesar das evidencias do engano, Estados Unidos segue a recoñecer ao goberno golpista como lexítimo.
A desfeita
Ademais dos mortos, feridos e máis de 1.500 encadeados que provocou a represión das protestas, as decisións do goberno interino están a ter outras consecuencias negativas, tanto para a poboación máis pobre, como para a economía do país e -por suposto- para a situación dos dereitos humanos. Do mesmo xeito, está a afectar á saúde pública, pola ruín xestión da pandemia.
Por se o lastre non fose dabondo, dende o golpe de Estado mantense unha actitude abertamente ameazadora dos militares, e tamén xurdiu unha corrupción escandalosa, que afecta de cheo ao goberno, como amosan algúns exemplos.
Quen manda, manda!
No estilo máis “vintage” das ditaduras do século XX en Latinoamérica, hai pouco mais de dúas semáns, o 23 de maio, militares con uniforme de campaña, irromperon no Senado para esixir a ratificación dun documento elaborado polas Forzas armadas que auto-establecía a súa lista de promocións de ascenso.
Un día despois, o ministro do Interior do goberno golpista, ameazou aos senadores coa cárcere se non aprobaban ese documento: “xa que”, lles díxo, “estarían a cometer un delito grave. Só teñen que aprobar as promocións, non teñen que revisar cousa ningunha, só aprobar”. E engadiu, con toda naturalidade: “compre que saiban que poden ser sometidos a un xuízo por incumprimento de deberes, que leva unha pena de prisión. Teñan coidado non vaian estar no cárcere mañá! Non digan logo que é persecución política ”
Ministros exemplares
Mentres, a corrupción reborda ao máis alto nivel: os dous ministros con meirande influencia no goberno interino, foron acusados o pasado luns, 8 de xuño, de teren pagado un sobreprezo pola compra de equipos antidisturbios, destinados a afrontar as crecentes protestas da poboación. O ministro do Interior, que é un dos acusados, reaccionou promovendo o despedimento do xornalista que publicou a noticia e ameazando-o con envialo ao cárcere.
Pouco antes, o 20 de maio, o ministro de Sanidade foi arrestado e encarcerado por orde xudicial, acusado de comprar en España material médico que non era axeitado para a pandemia, e pagar o triplo do seu prezo de venda. Tres días despois, o xuíz que emitiu a orde foi secuestrado pola policía, cando ía tomar declaración do ministro.
Abaixo a cultura!
A autoproclamada presidenta, Jeanine Áñez, transmite a mesma brutalidade nos seus comportamentos. O pasado venres, día 5, amolada polas críticas á súa xestión, que andaban a facer os intelectuais e organizacións culturais do país, decidiu suprimir o Ministerio de Cultura, “debido á necesidade de aforrar custos para afrontar a pandemia” . Esa desculpa podería ser crible se non fose porque o FMI víñalle de conceder un préstamo de 321 millóns de dólares, “para afrontar a situación de emerxencia do Covid-19”.
O FMI, sempre tan sensible
Cómpre lembrar que o FMI, tan xeneroso e dilixente con ese goberno “de facto”, rexeitara concederlle ao país calquera préstamo durante os 13 anos anteriores, cando Evo Morales (agora derrocado) era o presidente de Bolivia.
Esa mesma arbitrariedade selectiva, levou ao FMI a negarlle un crédito ao Goberno de Venezuela, que o solicitara exactamente polos mesmos motivos. O argumento empregado para xustificar o rexeite foi que “non ha claridade sobre o recoñecemento do Goberno”
Pero claridade haina: o FMI, como adoita facer, está a actuar ás ordes do goberno dos Estados Unidos, o mesmo que dirixiu o golpe de estado en Bolivia e segue a agredir a Venezuela.