O monstro e as súas entrañas: un estudo crítico da sociedade estadounidense

Vense de presentar en Caracas un libro de especial interese. O Ministro de Cultura de Venezuela, Ernesto Villegas di que “Quen queira comprender o que está a acontecer hoxe en día nos Estados Unidos, e nos países onde o imperio ten unha influencia notable, debería devorar este libro”.

O monstro e as súas entrañas” (editado en papel e PDF), está escrito polo historiador e sociólogo Vladimir Acosta, quen – durante case 20 anos – realizou unha investigación sistemática e documentada sobre a sociedade americana, para comprender as súas claves internas.

O título está tomado dunha frase de José Martí, que – referíndose aos Estados Unidos, onde residira durante 15 anos  – escribiu: “Vivín no monstro e coñezo as súas entrañas“, logo de estudar a súa sociedade, o seu xeito de vida e as súas intencións de dominar Latinoamérica. A frase está incluída nunha carta que o Heroe Nacional de Cuba escribira, o día antes de caer en combate contra o exército español.

O monstro e as súas entrañas” divídese en tres partes:

1 – EEUU: sociedade relixiosa e fundamentalista

Esta parte céntrase en examinar o enorme peso da relixión na sociedade norteamericana e no mito da separación entre as igrexas cristiás e o Estado.

Como sinala o autor, desde a fundación dos Estados Unidos o compoñente relixioso, de orixe protestante “considera persoas superiores, e pobo elixido por Deus, ás de orixe británica, brancos, puritanos e calvinistas”.

A influencia da relixión nese país é abraiante, especialmente nas igrexas de orixe calvinista. O calvinismo propón que o ser humano sexa absolutamente independente da sociedade, sen obriga ningunha para con ela.

Os billetes de dólares, teñen escrito, no envés; “In God we trust” (en Deus confiamos), un bo reflexo da relación entre relixiosidade e diñeiro nos EEUU

Os calvinistas consideran que Deus se mostra a aqueles homes (non se adoita mencionar ás mulleres) que son elixidos por El. Faino a través do éxito económico, de xeito que os “fracasados” son persoas que derramaron as súas oportunidades, sen que o modelo de sociedade teña nada que ver con iso.

EEUU véndese como o primeiro país en separar o Estado da Igrexa, pero non é certo. O que aconteceu foi que – dende o seu comezo – o Estado non se comprometeu con ningunha das igrexas cristiás, para manter a unidade. Pero todos os presidentes aparecen vencellados á relixión, -e por iso que as súas guerras adoitan ser relixiosas, do mesmo xeito que tería acontecido nas sociedades medievais.

Os “elixidos por Deus”

Os 45 presidentes dos Estados Unidos foron, na súa meirande parte, protestantes. E, como “elixidos”, dixeron que tiñan o poder de falar con Deus.

Por exemplo, William McKinley, presidente de 1897 a 1901, dixo que Deus lle sinalou “que non poderiamos devolver Filipinas a España, porque iso sería covarde e deshonroso; que non podiamos deixar sos aos filipinos, que tiñamos que educalos, civilizalos, cristianizalos ”. O curioso é que os filipinos foron colonizados e moitos deles levados a campos de concentración, fusilados e masacrados.

Harry S. Truman, presidente de 1945 a 1952, foi o responsable da caída de dúas bombas atómicas en 1945, un crime atroz. Pero dixo que a masacre tivera a bendición divina: “Agradecemos a Deus que as bombas estean nas nosas mans e non nas dos nosos inimigos; e pedímoslle que nos guíe para usalas segundo os seus designios ”.

George W. Bush, contou: «Deus díxome: George, vai loitar contra eses terroristas de Afganistán. E fíxeno. E logo Deus díxome:  George, remata ca tiranía no Iraq. E fíxeno”

Guerra de Irak: bombardeo nocturno da cidade de Bagdad

En relación a Trump, a súa voceira da Casa Branca, Sarah Sanders, afirmou:  “Donald Trump é presidente dos Estados Unidos, por vontade de Deus. Deus quixo que fose presidente e por iso está aí”.

2 – EEUU: sociedade racista, elitista e imperialista

A segunda parte do libro, describe o sistema político, o racismo e os mitos da clase dirixente estadounidense, baseados na idea do “Destino manifesto”, que serviu para xustificar a expansión imperialista.

O autor documenta que Estados Unidos nunca foi un país democrático, nin apoiou esa cultura ao longo da súa historia. A súa Constitución (que el cualifica de “momia xurídica de 1787”) non fai referencia ningunha ao pobo coma protagonista político.

De feito, os textos dos chamados “Pais Fundadores” dos EEUU refírense ao pobo coma unha chusma que compre deixar afastada do poder. É por iso que a democracia nos Estados Unidos se limita a unha participación electoral indirecta

Os EEUU – explica Vladimir Acosta – foi un país construído sobre a base do crime, o medo e a falsidade. Cómpre entender que é unha sociedade que proclama o seu carácter igualitario e democrático, malia que no fondo ten un comportamento racista e xenófobo contra dos negros, indíxenas e inmigrantes. ¿Que exemplo de democracia pode ofrecer unha sociedade exterminadora da súa poboación orixinaria?

Esa falta de vontade democrática, contrasta co feito de que Latinoamérica foi vítima da súa cobiza en forma de invasións, golpes de estado e manobras políticas, para apoderarse da súa riqueza, en nome da “liberdade e a democracia”.

“Destino manifesto”

En 1845, o xeneral John L. O’Sullivan, proclamou o “Destino manifesto” dos Estados Unidos, coa seguinte declaración, que mantense ata hoxe:

O cumprimento do noso destino manifesto é espallarnos  polo continente todo, que nos foi asignado pola Providencia, para o desenvolvemento do gran experimento de liberdade e autogoberno. É un dereito como o que ten unha árbore a obter o ar e a terra, necesarios para o desenvolvemento de cheo das súas capacidades e o crecemento ao que está destinado”.

3 – Estados Unidos: sociedade macartista

A terceira e última parte do libro, refírese á importancia da ultradereita no país.

O auxe dos Estados Unidos estivo acompañado polo xurdimento da cultura supremacista, que mantense ata os nosos días.  Os seus partidarios – os chamados WASP (brancos, anglosaxóns e protestantes) – consideran inferiores ás poboacións indíxenas, negras e mesmo estranxeiras en xeral.

Os poboadores orixinarios foron practicamente masacrados. E a poboación negra sufre un racismo estrutural. Das 2.300.000 persoas detidas actualmente nas cadeas dos EEUU , o 85% son negros pobres e con moi poucas opcións de teren un xuízo xusto.

Nesta mesma dirección, a elite norteamericana caracterízase por crear inimigos artificiais ou inxustificados. Dese xeito, sempre conseguiron ter un inimigo, contra o que é “necesario” unirse, porque doutro xeito se comete traizón e pérdese o estatus americano. Iso tamén serve para reducir os conflitos internos e a loita de clases.

Aínda que o macartismo se  identifíca coma un movemento xurdido ao remate da Segunda Guerra Mundial, durante a “guerra fría”, non obstante é unha corrente ideolóxica que se remonta a 1798, coa primeira lei de represión contra os estranxeiros, acusados de pór en risco á sociedade americana. E esa idea seguiu a dominar os Estados Unidos ata hoxe.

As Torres Xemelgas

Logo do ataque ás “Torres Xemelgas” de Nova York en 2001, houbo un fortalecemento do neomacartismo. Partindo da idea de que fóra do país téñenlles xenreira “por ser superiores” – como dixo Bush – xorde a consecuencia de que, para protexer á sociedade norteamericana da “ameaza terrorista”, o Estado ten que mudar as leis e reducir a liberdade dos cidadáns para “protexelos”.

Así, dende o 2001, os Estados Unidos son unha sociedade practicamente macartista, pero sen o rexeitamento que tivo esta ideoloxía na era anterior, xa que agora está aceptada por boa parte da poboación americana.

Simón Bolívar

“No nome da liberdade”

Sorprende que, hai case 200 anos, alguén puidese albiscar o perigo que os Estados Unidos ían ser para Latinoamérica. Simón Bolívar decatouse con gran claridade. Nunha carta de data 5 de agosto de 1829 escribira: “Os Estados Unidos parecen destinados pola Providencia para inzar a América de miseria, en nome da liberdade

A súa afirmación segue a ser confirmada decote pola realidade.

Compre que coñezamos ao inimigo para saber a quen nos temos que enfrontar. E este libro é, sen dúbida, unha boa achega.

Comparte:

Artigos recentes