Fidel Castro en Galiza

Neste mes de xullo, cumprensen  28 anos daquela visita. Nun verán marcado nos medios informativos polas Olimpíadas de Barcelona, Fidel Castro visitou a nosa terra.

Dende que o recibiu o presidente da Xunta, Fraga Iribarne, comezou unha actividade tan frenética coma a vida que sempre levou. Gabriel García Márquez, gran amigo íntimo de Fidel, dicía que nunha ocasión lle preguntou por algo que non fixera e que lle gustaría ter feito, e Fidel contestouo botaba de menos pararse nunha esquina a ver a vida pasar, sen quen ninguén o recoñecese.

Un grupo de persoas do Baixo Miño acudimos  a Compostela a recibir a Fidel. Había unha recepción no Hotel Araguaney, organizada polo Concello de Oleiros, ao que asistiron personalidades e representantes de organizacións sociais diversas. Eu non estiven, pero contáronme que falando o comandante, parou a beber auga e dixo que, ás veces, bebía por sede, outras, coma esta, porque estaba emocionado. As rúas estaban ateigadas e había euforia colectiva, a que se dá nas grandes ocasións.

Ao día seguinte na praza do Concello de Lugo estabamos tamén un grupo grande de persoas. Alguén dixo que viñan contras. Coma tantas veces o rumor non era certo. Era un autobús que viña de Asturias, cheo de xente con música. Falou Fidel saudando e houbo cancións e berros de apoio.

De alí fomos a Láncara, a visitar a casa natal do seu pai. Houbo baile espontáneo. Lembro como Fidel tocou as tellas daquela casiña.

Foi un xantar de feira galega: polbo, empanada, sardiñas, pementos. Moita calor. Moita xente. Preto de nós estaba o correspondente dun importante xornal de liña anticubana, caladiño cun prato de polbo. Tentoume dicirlle algo, pero non o fixen. O protocolo.

Atopámonos persoas coñecidas, coñecemento  a outras outras. Había a complicidade de saber estar vivindo un momento historico. A figura de Fidel era, é, un mito da nosa vida, da loita mundial. O máximo representante da Revolución cubana, un dos fitos transcendentais  e sorprendentes da historia do século XX. Sabíamos del dende a infancia, na adolescencia e no mundo adulto. Para moitas persoas da miña xeración e de moitas xeracións, a figura  representa unha victoria épica.

A primeira vez que escoitei o seu nome foi á miña avoa. Para que me mantivera ao seu carón e non me perdera na festa de Santa Margarida da Coruña, quixo meterme medo de que se non estaba atento, me levaría Fidel Castro. Xa me pareceu que tiña o atractivo do prohibido.

Tempo despois souben da “Operación Peter Pan” que a CIA, en colaboración coa Igrexa católica española, levou a cabo en Cuba. Nesa campaña falaban de que as crianzas cubanas serían secuestradas polos soviéticos para ser unha especie de escravos ao servizo do comunismo. Iso, que agora dá a risa, significou que ducias de familias levaran aos seus descendentes a Miami e as familias quedaron separadas pola ruptura de relacións. Toda a historia está documentada, contoumo un daqueles nenos, Andrés Gómez, militante solidario coa Revolución en Miami.

Máis adiante, xa en Vigo e na adolescencia, xuntabámonos no barrio arredor dunha fogueira a cantar e a beber, as primeiras veces das nosas vidas. Naquelas cuadrillas nas que os maiores falaban para que os pequenos aprendera, canturreabase “Cuba si, ianquis non”. Fidel, Che a revolución cubana eran historias que se contaban.

Eses días de visita de Fidel foron un éxito da diplomacia cubana, que lograron salvar o cerco que o bloqueo de EUA lle viña impondo e lle sigue a impoñer dende hai tantos anos. Mesmo alguén tan paradigmático no mundo da reacción e do inmobilismo coma Fraga Iribarne fixo  naquela visita declaracións en contra do bloqueo a Cuba.

Para moitas persoas que convivimos esas dúas xornadas significou unha lembranza das de recordar co paso do tempo. Nin máis nin menos que Fidel Castro na nosa terra, o comandante guerrilleiro de Serra Maestra na terra do seu pai. Historia pura.

Comparte:

Artigos recentes