Lembranza do concerto no Estadio Nacional de Chile en 1990. As cancións de Silvio que subiron a moral no peor momento

Nestes días de confinamento puiden rescatar en youtube un concerto moi especial de Silvio Rodríguez, no Estadio Nacional de Chile. Concerto que se celebrou só vinte días despois da entrada do goberno democrático e  fronte a 75.000 persoas dun país que estaba saíndo da ditadura.

Segundo o ía escoitando, ía lembrando o momento histórico no que se produciu, o meu pésimo estado de ánimo a primeira vez que aquelas cancións chegaron a min e como, ao final da ultima canción “Venga la esperanza”, estaba convencida de que si podiamos cambiar o mundo.

 

Para entender o contexto, hai que saber que ese mesmo Estadio de Chile, hoxe chamado estadio Victor Jara, 17 anos antes do concerto fóra  habilitado como macro centro de detencións durante o golpe militar levado a cabo polo Xeneral Pinochet, contra Allende, co apoio dos Estados Unidos. Recomendábel por certo a película Desaparecido, protagonizada por Jack Lemmon. Por ese recinto pasaron en calidade de detidas máis de 40.000 persoas, moitas das cales sufriron tortura. Unha delas foi o cantautor chileno Victor Jara, detido na Universidade de Santiago de Chile, torturado e asasinado, partironlle as mans coas que tocaba a guitarra.

Estado de Chile convertido en Centro de dentención e tortura. Lugar onde foi asesinado e torturado Victor Jara.

A música de Silvio estivera prohibida até só uns meses antes, o que non impediu que a mesma se convertese nun emblema da oposición ao réxime e circulase en grabación en branco.

A única noticia positiva no ámbito internacional, naquela época, fóra xustamente o abandono do Goberno por parte do xeneral Pinochet, despois dun plebiscito convocado por el mesmo. Aínda así Pinochet seguiría cos seus privilexios e como xefe do exército,  polo menos de momento, e o novo goberno debía manter a senda marcada por Washington.

En Europa, o muro de Berlín viña de caer. Ocorreu o 9 de novembro de 1989. Ben para os alemáns. Tan ben? Vexase a película Good bye Lenin.

Na Galiza da posmodernidade e a postransición convivían unha morea de pequenas organizacións nacionalistas, independentistas  e de esquerda española. Para unha persoa en formación coma min, non resultaba doado comprender aquel panorama, máxime cando Vigo a nosa cidade viña de atravesar unha intensa crise industrial pola caída do sector naval e a maior parte da xente da nosa idade, aparentemente allea a iso, pasaba o tempo nas longas noites da movida viguesa onde algunhas cafetarías abrían as 24 horas e corría a cocaína. A heroína era a droga dos barrios obreiros, despois veu o SIDA. Foi a heroína a que acabou, moi pouco tempo despois, coa vida do amigo que me agasallara coas cintas orixinais do concerto de Chile.

 

O chamado bloque do leste ensaiara a perestroika e esta fracasou deixando a Ieltsin a cargo de Rusia e desintegrándose a URSS. Os  “de pouca fe” comprendemos que ese bloque do leste era moitas cousas, boas e malas, pero sobre todo era un dos piares nos que se asentaba o chamado estado de benestar, no que supostamente viviamos. E compredémolo porque empezaron a desmantelalo.

En  Europa occidental, despois de numerosas folgas, Margaret Tacher viña xa de derrotar os mineiros británicos, uns anos atrás, dándolle un importante golpe ao sindicalismo e creando unha escola neo liberal envexada por varios dirixentes da dereita.

Ronald Reagan desmantelou Detroit para levar a industria do automóbil a Estados libres de sindicatos.

A caída da URSS púxolles os dentes longos aos dirixentes máis dubitativos  e comezaron as primeiras  grandes reformas laborais, que desde aquela resultaron imposíbeis de seguir, de forma ordenada, para calquera xurista. Todas teñen un común denominador: tratan de eliminar as supostas “discriminacións” positivas do dereito laboral en favor do traballador. Falsa igualdade.

No Estado Español os sucesivos gobernos de Felipe González entréganse tamén ao novo liberalismo. “Vivimos no mellor dos mundos posibles” dicíalle Felipe González aos miles de desempregados que non tiñan alternativas nin expectativas.

Tamén en 1989, en Nicaragua, os sandinistas, acosados por un exército irregular, a contra, financiado por Ronald Reagan, perden as eleccións, entrando a gobernar Violeta Chamorro, a candidata da oposición.

O FMI cebouse con medidas radicais en latinoamérica. En Febreiro de 1989, a poboación de Venezuela saíu ás rúas. Foi o primeiro sinal de que as cousas podían cambiar contra todo prognostico, a pesar dos 3000 mortos na rúa. Parecía que alguén estaba espertando.

Pero, coma nos cómic de Asterix, unha aldea resiste: Cuba. Resiste as durísimas condicións do período especial, a poboación só tiña certas horas de luz eléctrica ao día. Algúns días só podían comer unha vez. Pero resisten, manteñen a educación e un dos mellores sistemas sanitarios do mundo.

Para entón eu, que tiña certas influencias tardo hippies, xa era moi consciente de que non podía vivir nunha burbulla.

Cando collín as casetes de Silvio empecei a oílas con escepticismo. É difícil que Silvio se supere. Pero as cancións empezaron a soar. Saudou o pobo de Chile, falou de Victor Jara.

Hoxe vexo por fin o concerto completo no ordenador.

Silvio chega andando tranquilo, cunha sudadeira azul e o estadio vense abaixo, percíbese a emoción dun publico moi consciente do lugar e do momento. Un público entregado a un cantante prohibido.

Comeza coas cancións de guitarra tan esperadas “El mayor”, “Vivo en un país libre …” e como non “Ojalá” cantada en boa parte polo público. Cantos anos hai que Silvio Rodriguez non precisa cantar “Ojalá” nos concertos? Entra varias veces Irakere coa súa instrumentación afrocubana. Tamén hai lugar para a ironía, coa “Canción en Harapos” (“desde una mesa gigante y un auto elegante se sufre también”) ou coa “A escaleira”. Despois vén “Canción urxente para Nicaragua”, etc.

Nunha parte do concerto, deixa a guitarra, calan as trompetas e canta acompañado ao piano por Chucho Valdes, un agasallo.

Ao meu ver, hai unha canción que lle dá sentido a todo o acto e que no disco tiveron a boa idea de deixar para o final: “Veña a esperanza”  (min.1:50)

Lembremos que aínda faltaban dez anos para o 2000: “Cuando niño yo saqué la cuenta de mi edad para el año 2000/ el 2000 silvaba como puerta abierta  maravillas que aun estaban por llegar./Pero ahora que se acerca saco en cuenta que de nuevo tengo que esperar/ que las maravillas vendrán algo lejos porque el mundo tiene aún muy corta edad”.

Contestaba Silvio aos que falaban nos oitenta do fin da historia? A propia historia lles contestou

Trinta anos despois e con moitos sucesos de por medio Nicaragua volveu ao Sandinismo, a Venezuela chegou o Bolivarianismo e Cuba como a aldea de Asterix non so resiste, senon que envia médicos ao “primeiro mundo”. A Arxentina logo dunha paréntese breve voltou ao kirchnerismo, México por primeira vez ten un Goberno máis afín a Latinoamérica que a Norteamérica.

Brasil, Ecuador e Bolivia son pezas en xogo, as cidades de Chile como no seu día aconteceu en Caracas parecen volver a espertar. A unidade de América Latina, ten sufrido avances e retrocesos desde o concerto de Chile. Pero en conxunto o salto desde 1990 é esperanzador. A historia sigue e os pobos que coñeceron a dignidade poden fatigarse “por agora”, pero non volven cara atrás.

 

 

Comparte:

Artigos recentes