O realismo máxico na Venezuela

Cando o pasado luns, día 31, nunha sorprendente iniciativa, Nicolás Maduro decretou o indulto de máis de 100 antichavistas violentos, ninguén – na contorna política de Venezuela – quedou indiferente. Dentro do país, destacados líderes da oposición, manifestaron a súa dispoñibilidade para presentarse ás eleccións á Asemblea Nacional (Parlamento), previstas para decembro, en contra do que ata agora fora a opción maioritaria dos antichavistas. Esas reaccións, fan prever que o debate interno entre eles pasará a ser mais intenso. É unha boa nova para os que queren participar nas eleccións, fronte aos que dín que a única saída é unha intervención militar dos EEUU.

Fóra do país, a Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet, avaliou o indulto como “un esforzo a prol da apertura do espazo democrático”. Pola súa banda, o representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, dixo que o indulto era necesario “para seguir avanzando na organización de eleccións libres”; semella que hai un cambio na actitude da UE cara a Venezuela.

É evidente que o chavismo avanza de novo, na súa teimuda política a prol do diálogo.

Camiñando sobre o lume

Non é a primeira vez que o chavismo consegue desbloquear situacións conflitivas coa oposición, que parecían imposibles de superar. A última foi hai tres anos: en Venezuela había decote manifestacións moi violentas, nos barrios ricos das principais cidades, que causaron perto de 100 mortes. O obxectivo declarado era derrocar ao goberno.

Dende a Asemblea Nacional (Parlamento) os líderes da oposición esixiran abertamente un golpe de estado, ou ben unha intervención militar dos EEUU. Desafiaron e desobedeceron as institucións políticas e xudiciais establecidas, incluído o presidente do país (que, a diferenza do que ocorre no Estado español, non é nomeado polo Parlamento, senón que se vota nunhas eleccións xerais directas).

Daquela, marzo de 2017, coa Asemblea Nacional declarada en desacato polo Tribunal Supremo, Nicolás Maduro optou por convocar eleccións a unha Asemblea Constituínte, que redactaría leis constitucionais, nas que a participación popular fose protagonista. Mesmo así, non deixou de falar cos líderes opositores.

A partir de entón, a calma volveu a Venezuela e convocáronse eleccións departamentais e municipais, nas que os candidatos bolivarianos obtiveron os mellores resultados. A oposición abafou, os seus líderes – que prometeran a expulsión do chavismo da política nacional – perderon a credibilidade e a súa capacidade de convocatoria practicamente desapareceu.

“Venezuela is part of the United States”

Se cadra, baseándose na idea de Trump de que “Venezuela é parte dos Estados Unidos“, o goberno USA presentou, en xaneiro do ano pasado, unha nova estratexia para tentar derrotar ao chavismo: a autoproclamación dun “presidente interino”, Juan Guaidó,  supostamente recoñecido “por máis de 50 países” (malia que nunca se coñeceu cales eran), acompañada dun endurecemento do bloqueo até situacións extremas.

Polo acontecido deica agora, non se pode dicir que o resultado estea a ser precisamente un éxito. A iso contribuíu – entre outras situacións – que o xefe do partido ao que pertence Guaidó, dirixe e promove arreo actos violentos (por certo, faino dende o seu refuxio na embaixada de España en Caracas). As limitacións de Guaidó e mais a súa actitude, remataron por xerar a desconfianza de Trump e tamén dos líderes da oposición venezolana. Algúns deles – coma o dúas veces candidato á presidencia Henrique Capriles – veñen de criticalo publicamente por ser “o presidente dun goberno de internet“.

Foi nestas condicións que a oposición, dividida e desprestixiada, recibiu a noticia do decreto do indulto, esixido polos seus líderes durante moito tempo e aceptado por todos os seus beneficiarios, pero rexeitado por Guaidó. O sector moderado – que está a negociar co Goberno dende hai un ano – pode agora ofrecer unha proba de que o camiño a seguir son as eleccións, fronte aos que apoian á violencia e o boicot dende os seus refuxios dourados de Madrid ou Miami.

Os líderes radicais transmiten tal falta de alternativas que, hai un mes, a Conferencia Episcopal Venezolana – que nunca achantou a súa posición conservadora e a súa alerxia ao chavismo – esixiulles que saian da súa inmobilidade e deixen de chamar á abstención electoral, pois din que “fará medrar a fractura político-social do país e a desesperanza sobre o futuro”.

“Realismo máxico”

A isto engádese o feito de que algúns liberados polo indulto, colaboradores de Guaidó (entre eles o seu xefe de gabinete), se posicionaron a prol do diálogo e negaron sufrir torturas ou illamento, en contra do que o Guaidó dixera até agora.

O que aínda lles faltaba por escoitar aos sectores radicais da oposición, para esnaquizar a súa folla de ruta, ven de dicírllelo un individuo tan poco sospeitoso de pacifismo coma é Elliott Abrams, nomeado por Trump (non por acaso) “Encargado Especial para Venezuela”, quen declarou: “agardar por unha posible intervención militar directa dos Estados Unidos, sería realismo máxico“.

Deste xeito, o indulto a 110 opositores violentos (algún, acusado de magnicidio), acada dous obxectivos:

  1. ensancha as opcións electorais, nuns intres nos que a opción violenta, con incursións militares ou intentos de golpe de estado, acumula un fracaso tras outro.
  2. deixa en evidencia á mediática internacional, coa súa teima de presentar permanentemente ao presidente venezolano coma un diaño da política.

Aínda mais, o realismo caribeño de Nicolás Maduro, permite albiscar que poden xurdir novas decisións sorprendentes, destinadas a fortalecer o diálogo, pois – na maxia dalgunhas negociacións políticas – acontece que, baixo a aparencia de facer concesións importantes, se remata por gañar moito máis.

Comparte:

Artigos recentes