Venezuela: guerra híbrida en tempos de coronavirus

En artigos anteriores xa temos tratado este tema, pero nunca está demais afondar no asunto pois, malia os intentos por facela invisible, as consecuencias desta guerra poden ser tan devastadoras ou mais que as de calquera guerra convencional.

A continuación presentamos un sumario moi breve do interesantísimo artigo sobre o tema de Arantxa Tirado que achegamos como ligazón para quen queira ler polo miúdo.

En plena pandemia mundial, cando a solidariedade debería ser mais evidente entre os habitantes do noso planeta, Donald Trump, durante unha rolda de prensa que en principio estaba destinada ao coronavirus, anunciou unhas manobras militares no Caribe supostamente para loitar contra o narcotráfico e aproveitou para ameazar a Venezuela.

E posíbel que unha das causas desta agresión sexa desviar a atención dos problemas internos que afronta o candidato republicano no seu propio país, pero hai outras razóns que non convén deixar por fora.

Estados Unidos tenta evitar o debate sobre as consecuencias do bloqueo económico e financeiro que impón ao pobo venezolano, xa que son negadas de xeito teimudo polos inimigos do proceso bolivariano.

Pero para comprender esta cuestión, compre analizar a nova estratexia estadounidense para controlar as zonas nas que ten intereses económicos, políticos e xeoestratéxicos: a Guerra Híbrida.

Guerra híbrida: A guerra do século XXI

Aínda que o termo está aínda suxeito a debate teórico entre os analistas militares tratase dun tipo de conflito que combina accións regulares e irregulares que poden ser Forzas Armadas tradicionais ou actuar por delegación usando a mercenarios, terroristas ou crime organizado.

Segundo Gerge F. Kennan -un estratega da política exterior dos Estados Unidos durante a época da Unión Soviética- trátase dunha guerra política na que se empregan todos os métodos agás a guerra convencional aberta.

Esta estratexia combina accións políticas visíbeis coma alianzas políticas, propaganda ou medidas económicas, con accións clandestinas de guerra psicolóxica e accións armadas encubertas.

Dende a doutrina militar describese como unha estratéxia para a desestabilización política por medios indirectos. O que implica o uso de actores estatais e non estatais, para accións militares, políticas, cibernéticas, culturais, económicas, etc., usando para iso intermediarios coma ONGs ou opositores políticos, entre outros.

O fin último de todos estes métodos e xustificar, diante da opinión pública internacional, o derrocamento de determinados goberno e -mediante o uso de métodos convencionais e non convencionais- crear un caos que poña ao estado obxectivo á defensiva.

Para acadar estes fins. os medios de comunicación e as redes sociais teñen un papel fundamental e utilízanse como campos de batalla.
A todo isto súmanse certos “intelectuais” e políticos, así como o que a prensa occidental chama “comunidade internacional” que non deixan de ser Estados Unidos e os seus aliados.

A guerra híbrida é moito máis efectiva do que serían accións directas, que implican un maior desprestixio e impacto político, xa que dificulta a atribución de responsabilidades e oculta parcialmente a súa autoría.

 

 

Venezuela laboratorio da guerra híbrida

Venezuela leva anos a ser un laboratorio da guerra híbrida deseñada dende EEUU. Pero ate o de agora ningún dos intentos de derrocar ao goberno bolivariano ten tido éxito, a pesares de ter estado acompañados de campañas mediáticas internacionais de desprestixio e distorsión da realidade venezolana.

Este tipo de guerra busca tamén enviar unha mensaxe á opinión pública internacional de maneira indirecta: “isto é o que acontece cando os pobos escollen mal”.

Para conseguilo, teñen utilizado todas as ferramentas mencionadas anteriormente; paramilitares, sabotaxe á infraestrutura, guerra psicolóxica, propaganda mediática, acoso económico, illamento internacional, etc.

 

 

A importancia xeopolítica de Venezuela

Venezuela ten sufrido estes ataques pola súa importancia xeopolítica e xeoestratéxica, xa que é un país cuns grandes recursos naturais. Ten a principal reserva mundial de petróleo, pero tamén e rica en minerais coma ouro, diamantes, coltán, ferro, aluminio etc. Pero non é a única razón.

Durante o goberno de Hugo Chávez, o país tivo un papel preponderante na creación de organismos de integración rexional coma UNASUR, CELAC, Petrocaribe, ALBA e outras institucións, na parte do mundo que Estados Unidos -dende a proposición da doutrina Monroe- ten considerado o seu patio traseiro.

A todo o anterior, sumábase o exemplo que mostraba aos pobos do continente a mellora das políticas sociais, laborais, de combate á pobreza, de novas formas de democracia, etc.

Para evitar o espallamento dese “mal exemplo”, o goberno norteaméricano aplicou a guerra económica con toda a súa forza buscando afundir os indicadores macroeconómicos e sociais que estaban a mellorar progresivamente até ese intre.

A pesares de terse perfeccionado e teorizado nos últimos anos, estes métodos de guerra híbrida non son novos. Xa o ataque a economía nacional tiñase utilizado contra o Chile de Allende, a Nicaragua Sandinista ou as operaciónse de guerra psicolóxica contra o Salvador e Guatemala.

Comparte:

Artigos recentes