“Parte da comunidade galega segue coas ideas do tempo no que emigraron”. Manolo Giraldez

 

 Manolo Giráldez naceu en Candeán, parroquia de Vigo (Galiza) en 1932. Á idade de 25 anos, como gran parte da súa xeración, emigrou a Venezuela. Lonxe da férrea e cruel ditadura franquista, no seu país de acollida formouse como galeguista de esquerda influenciado polos exiliados e exiliadas políticas. Faleceu o 18 de decembro de 2019.

Manolo coñeceu a inxusta realidade social venezolana da Cuarta República (1959-1998), que excluían a través da pobreza á gran maioría do pobo para o privilexio duns poucos.

En solidariedade cos seus compatriotas que chegaban a unha realidade que non era a esperada, foi un dos fundadores do Centro Galego de Puerto la Cruz (1960) e da Irmandade Galega de Guayana en Puerto Ordaz (1963). En tres oportunidades, foi secretario de Cultura da Irmandade Galega de Caracas (1966, 1985 e 1995), onde impulsou iniciativas que puxeron en práctica os seus ideais patrióticos: a defensa da cultura popular, a historia e a lingua galegas.

Neste últimos vinte anos, Manolo Giráldez foi testemuña da transformación dunha  Irmandade Galega que a pesar das acusacións de insensible para os problemas de Galiza tivo socios moi activos quen mantiveron iniciativas como o Colexio Castelao, o club de xadrez Alexandre Bóveda, a biblioteca Curros Enríquez, o teatro Rosalía de Castro ou o apoio económico desde Caracas a institucións como a Real Academia Galega, até chegar á situación dos últimos vinte anos, nos que a Irmandade se está a transformar nun club para unha elite de descendentes de galegos e galegas con fortes complicidades coa extrema dereita venezolana.

Giráldez defendía os logros de xustiza social e independencia que impulsou o Comandante Chávez xunto co pobo organizado, e que agora continúa o presidente Nicolás Maduro.

Esta entrevista realizouse para TERRA LIBERADA.

En que ano emigrou a Venezuela e cal era a imaxe de Venezuela en Galiza naquela época?

Vou contestar como a vía eu. Eu viña contratado para traballar no interior do país. Naquela época, en 1957, dicíase que «de Petare cara alá ‒é dicir, das fronteiras de Caracas cara alá‒ era todo monte e culebra». E resulta que como eu tiven que viaxar para abrir sucursais de Sudantex de Venezuela [empresa téxtil], estabamos tres ou catro meses en cada sitio.

A min tocoume vivir en Maracay, Valencia, Mérida, Maracaibo, Cumaná, Puerto la Cruz, Puerto Ordaz, e podo dicir que de Petare cara alá comeza Venezuela. O primeiro lugar que me tocou foi Maracay; aí quedeime sorprendido porque me atopei cunha gran cidade con xente marabillosa. En Maracay pasei moi pouco tempo, dous meses e pico. De aí funme a Valencia, unha gran cidade tamén, pero onde conseguín máis afecto e sinceridade foi en Valera, no estado Trujillo. Cando ía a Valera a xente que quedaba en Caracas dicíame: «Non te preocupes que vas estar pouco tempo. Ten coidado cos indios, coas cobras, que se poden meter nos zapatos pola noite». E resulta que nunca vin unha cobra nin vin un indio por Valera. Tamén estivemos tres meses facendo un programa de radio. En cada sitio quedáronme boas amizades. ‒Nunha carta de Xoán Noia, autor de “Fuxidos”, desde Vigo, en 1961, a Gonzalo Gómez Caridade residente en Caracas, dicíalle do conveniente que sería facer un folleto para os galegos que desexasen emigrar. A idea de Noia xurdía da cantidade de frustracións que vía entre emigrantes e retornadas/os.

-Que nos pode contar do «éxito» ou do «fracaso» da emigración galega a Venezuela?

Eu penso que o que se chaman fracasos hai poucos, aínda que houbo xente que tivo mala sorte, pero cada historia ten a súa explicación. Era un país onde había moi pouca xente que fose especialista, por iso aos que viñeron non lles foi moi difícil, sobre todo na construción, conseguir traballo. Nesa época Pérez Jiménez decretara un chamamento á emigración porque necesitaban traballadores, e viñemos moita xente. Moitos galegos no país foron corruptos, fixeron moito diñeiro grazas á corrupción, porque era fácil ser corrupto nesa época. Eu creo que os que nos salvamos dese desastre da corrupción tiñamos que vir preparados moralmente para non caer, porque era moi fácil. Eu traballei en varias empresas antes de montar o meu negocio e en todas me atopei co mesmo. Eu, sen dúbida ningunha, era un idealista máis que pensaba que a xente era como me ensinaban. A única verdade é que hai galegos que fixeron diñeiro fácil á conta da corrupción.

‒Como era a vida na Venezuela dos anos 60 se a comparamos coa de Galiza?

Aí hai que dicir que un país está en América e ten cincocentos e pico de anos; e o outro está en Europa, e ten miles de anos. Eu sempre estiven en contra das comparacións que ás veces faciamos: «Non, é que en Galiza tal cousa…», querendo poñer defectos e fallos ás cousas de Venezuela. Eramos inxustos porque en Galiza tivemos que saír, hai moita xente que di que saímos de turismo, pero non, a emigración galega sempre estivo ligada á necesidade, á fame e ás barbaridades políticas que houbo e segue habendo. Venezuela é un país que nos recibiu con moito agarimo e moito amor. No meu caso, e no de todos os que levamos aquí cincuenta anos, Venezuela para nós é un país marabilloso, de amor, de nobreza.

A apertura da inmigración en Venezuela polo ditador Marcos Pérez Jiménez, e a súa política de lexitimación por medio da obra pública, significou o comezo da gran emigración galega (española e italiana e máis tarde portuguesa) a Venezuela. Como era esa emigración económica? Estaba despolitizada?

A xeración que chega con Pérez Jiménez non estaba politizada, porque aquí pasaba o mesmo que pasaba alí con Franco, non se podía falar de política. Hai moita xente que di que é apolítica, pero calquera opinión a favor ou en contra de algo ou alguén é política. O que pasaba alá, na época de Franco, é que o falar ben de Franco non era política, agora o falar mal, iso si era política. Os fanatismos políticos danse porque non hai unha análise de por que eu defendo isto e ti defendes aquilo. E por que ti que defendes isto e eu aquilo non podemos falar? Porque estou seguro de que se falásemos, ambos sacariamos algo da conversa.

-Politizáronse os emigrantes en Venezuela? A xeración de exiliados anteriores fixeron traballo político entre os novos emigrantes? Puideron transmitir algo?

Como che dicía ao principio, eu cando cheguei aquí era un parvo máis, un galego parvo máis que consideraba: «Para que aprender a falar galego? Para que aprender a historia galega?». Porque era o que nos inculcaban desde nenos. Eu tiven moita sorte. Eu de galego, de galeguismo, non tiña nada cando cheguei, coma moitos que un se atopa aínda, que non puideron superarse. Eu estudei nos Salesianos até que acabei o bacharelato, empecei a traballar e aí non estudei máis, o que estudei foi de forma autodidacta, lendo e facendo cousas.

Cando a Sudantex estaba a abrir o negocio en Puerto la Cruz, nós tiñamos que vir aquí á empresa todos os venres, todas as fins de semana. Un día non me fun o luns porque nos chamaron para ter unha reunión extra, e saímos o mércores. Resulta que o meu compañeiro de asento no avión era tamén galego, Xosé Pestana, que tivera que escapar de Galiza porque o atoparon ensinando galego e íano a raspar. De feito, os seus amigos da Universidade de Santiago salvárono e axudáronlle a saír. Comezamos a falar. Eu diríalle cada barbaridade, responderíalle: «Para que o galego?». El, con moita nobreza e paciencia, non se puxo bravo comigo senón que me dixo: «Manolo, ti pareces un home intelixente. Se ti descoñeces iso, non podes dicir que es galego, naciches en Galiza, pero non tes o sentimento. Tes a sensibilidade ‒porque eu contáballe o que fixeramos en Puerto la Cruz‒, pero fáltache o máis importante». Ese home veu desde Cumaná até Puerto la Cruz todos os sábados durante case un ano cos libros debaixo do brazo para ensinarme galego, a explicarme por que o galego é valioso, a falarme da nosa xente galega, dos nosos valores galegos. Eu nin de neno nin de mozo puiden aprender o noso idioma porque na nosa terra estaba prohibido. Entón fixo de min un galeguista case extremista. A el débolle todo o que son. Sen el, sen ningunha dúbida, sería un parvo máis.

 ‒Moito antes desa inmigración económica chegara a inmigración política, na década dos corenta. Como cambiou para a primeira xeración a situación coa chegada de miles de emigrantes económicos?

A xeración anterior que si estaba politizada traballou polas novas xeracións. Eu vin aquí aos 25 anos, outros viñeron aos 10 ou aos 15 coas súas familias. Pero non deixaron moita pegada, ao contrario, lamentablemente na nosa Irmandade Galega houbo moita xente moi boa que morreu e as directivas do momento nin sequera se preocuparon de dicir que morreron ou contar algo da súa vida. A xente política que veu antes ca nós normalmente foi xente capaz e moi nobre, eu coñecín a unha cantidade de xente que era extraordinariamente sensata e de extrema esquerda. Eu coñecín xente comunista que me ensinou que coa violencia non se consegue nada, que me aconsellaban: «Manolo, violentando así non vas conseguir nada, hai que convencer para seguir adiante».

-O LAR Galego, nacionalista e republicano, orixinou por escisións dous Centros Galegos máis (Centro Gallego e Casa de Galicia). Posteriormente coa fusión dos tres anteriores creouse o que hoxe coñecemos como Irmandade Galega de Venezuela. Podes resumirnos a evolución progresiva do LAR Galego e as orixes da Irmandade?

Eu admiro a capacidade dos homes que naquel tempo gobernaban esas tres casas, porque superaron as diferenzas políticas e sociais para conseguir unha sociedade que de verdade representase a Galiza. A Irmandade fundouse con miras a que fose un orgullo para Galiza. Iso si se perdeu porque entramos nunha pelexa moi bárbara, sen sentido de solidariedade, entre unha candidatura de esquerdas e outra de dereitas, aí é onde as cousas chocaban demasiado. Había xente interesada en que nos levásemos mal, aínda que teño que dicir que a Irmandade Galega, a pesar de todos os problemas, fixo unha labor social moi bonita, preocupouse dos galegos que non tiñan capacidade para comer ben ou vivir decentemente, e fíxose moito por iso. Iso foron o primeiros trinta anos, de aí para acá, todo caeu en barrena.

Até comezos dos oitenta, Venezuela foi o único país de América en acoller emigración galega cando maiormente emigraba xa a Europa. A súa bonanza económica repercutiu positiva ou negativamente na inmigración galega?

Houbo de todo, houbo moitas formas de actuar, de pensar de facer. Normalmente a maioría tratabamos de integrarnos no país, porque coidabamos que era a maneira máis honrada de agradecerlle a forma en que nos recibiu.

-Como era a vida cultural e política da Irmandade durante a ditadura franquista, tempo no que xerminan proxectos como o Colexio Castelao, o clube de Xadrez Alexandre Bóveda, a biblioteca Curros Enríquez, o teatro Rosalía de Castro ou o apoio económico a RAG?

Houbo moitos problemas, había moita xente nese momento e había moita persecución desde a embaixada española. Eu recordo a un colaborador noso que nos facía os debuxos para as eleccións. Fixera unha escaleira: nunha ía unha persoa subindo e chamábase Galaica e dicía «en subida», e outra que ía baixando e chamábase «en baixada», para tratar de disimular a parte política con enxeño.

Houbo moita xente que sacrificou diñeiro e tempo e moito amor pola Irmandade Galega nos seus primeiros trinta anos. Despois xa viñeron directivas que quixeron darlle un cambio cara un club calquera e hoxe segue así. Vouche dicir algo, a actual directiva ‒eu falei con varios dos mozos que están aí‒ ten ideas, e eu díxenlles: «Se non vos deixades dominar polo caciquismo e a política de dereitas, podedes facer un gran traballo, pero para facer un gran traballo hai que revivir a cultura».

Tal vez a crítica máis terrible á emigración galega proveña de Celso Emilio Ferreiro e o seu poemario “Viaxe ao país dous ananos”. Emigrante tardío, a realidade da emigración galega en Venezuela era ben distinta á imaxinada por el, pero tampouco era a que plasmou no libro. Foi criticado por Seoane e recibiu o silencio por resposta ás súas cartas, por parte do seu ex compañeiro das Mocidades Galeguistas, Xosé Velo, no Brasil. Poderías falarnos da chegada, traballo e actividades de Celso Emilio na Irmandade Galega e darnos ti opinión de porqué a “Viaxe ao país dos ananos”?

Eu estiven moi preto de Celso Emilio, porque Óscar Noia foi o maior responsable de que viñese para aquí. Nese momento, eu estaba na Secretaría de Cultura. Vou falar sinceramente, do home, non do escritor ou poeta, que para min foi fabuloso en todo, salvo niso, «o país dos ananos». O primeiro que eu lle critico é que el, no canto de poñer «o país dos ananos», que involucraba a todos, mesmo a quen o axudou cando veu, debeu facer unha aclaratoria: «Fun a un país onde atopei, por exemplo, moitos ananos, incluso moitísimos, se queres», pero non pode involucrar a todos, porque houbo moita xente, e sobre todo a familia Noia, que se preocupou de que a Celso Emilio non lle faltase de nada, e estiveron sempre pendentes del. Entón, ese título non cabe, nin cabía nunha persoa como Celso Emilio. Outra cousa que penso é que Celso Emilio non asimilou ben o que había na Irmandade Galega; entón, é lóxico, había unha dereita moi rancia, pero no canto de poñerse a pelexar con eles, nomear certas cousas, como fixo posteriormente, en principio metía a todos no mesmo saco. Aí foi onde eu penso que se equivocou. Pero iso non lle quita a Celso Emilio nin un chisco de valor como gran poeta galego que debemos admirar, homenaxear e querer.

A que realidade se enfronta un secretario de Cultura na Irmandade Galega maiormente conformada por descendentes de emigrantes?

Vou contar unha anécdota. Eu estiven tres veces na Secretaría de Cultura: no ano 66, que foi a primeira vez que fun directivo, que pasou sen pena nin gloria, e, despois máis formado, no ano 85 e no 95, cando se abriu a cátedra de Galego, cando o colexio empezou a andar. No teatro que fixeramos as primeiras directivas, levando as madeiras ao ombreiro, presentouse o mellor da cultura venezolana e o mellor que tiñamos nós. E desde aí comezou algo que para min tiña moita importancia, as relacións humanas, non só as relacións públicas, que os nosos rapaces e os que viñan de fóra tivesen oportunidade de conversar, de facerse amigos e continuar con esa amizade despois. No colexio, por exemplo, eu queixeime moitas veces, pero nunca as directivas do últimos vinte anos fixéronme caso ningún, porque eu pensaba que despois de comezar o bacharelato había que facerlle un seguimento aos rapaces e despois de que saísen do bacharelato á universidade, seguilos para mirar o exemplo e os valores que tiñan. Eu lembro unha das satisfaccións máis grandes que tiven cando fun a última vez directivo: fun á Universidade Simón Bolívar a ver como ían os nosos mozos, e o reitor agarroume e díxome: «Aí hai dez nomes, dos dez tres son do Colexio Castelao». Isto non o puidemos seguir facendo.

Foi fundador e presidente do Centro Galego de Puerto la Cruz e da Irmandade Galega de Puerto Ordaz. Como foi a experiencia coa colectividade galega nesa zona do país? O Centro Galego de Puerto la Cruz foi fundado máis por sentimento que por coñecemento, porque cando vin para aquí eu era, como dixen, un galego parvo máis. O Centro Galego de Puerto la Cruz fundouse exactamente o mesmo día que a Irmandade Galega de Caracas, exactamente o 12 de outubro do ano 1960. E que pasaba? Aquí hai dúas anécdotas que quero contar: Había xa bastantes galegos en Puerto la Cruz, pero había un centro español do que eramos socios todos.

Unha vez reunín a varios galegos e conteilles que eu cada vez que ía traballar pasaba polo Paseo Colón e alí vía durmindo sobre os bancos da praza a moita xente e moitos deles eran galegos. Unha vez pasei e atopeime cun matrimonio novo, cun rapaz que tiña seis anos, durmindo alí. Eu molesteime co home: «Como fas iso, vir coa muller e o fillo sen saber o que vas atopar aquí?». Entón de aí xurdiu a idea de que había que facer o centro galego para axudar a estes paisanos nosos que chegaban e fundamos o centro galego e inmediatamente a casa do lado serviu de pensión. Nós os sete estabamos a pagar a pensión, pero non podiamos estendernos moito máis. Fundámolo sete aínda que eramos como cincuenta ou máis.

A maioría non quería que se fundase o centro galego porque xa existía o centro español, entón eu dicíalles: «O centro español non vai axudar á nosa xente que chega aquí». Mesmo tiñamos un equipo de fútbol que era o inimigo número un da Polar, ao que sempre gañabamos. Un dos máis remisos a que fundásemos o noso centro galego era o noso defensa central, e eu dicíalle: «Monchiño, como ti estás en contra? Cando queremos facer as nosas festas ou escoitar a nosa música no centro español, non podemos». El respondeu: «Quen dixo que non? Cando queiramos poñer discos nosos, poñémolos». Eu díxenlle: «Boh, imos facer unha cousa, ti e máis eu, o domingo, imos alí pola mañá e levamos un disco galego ‒as festas eran cunha pick up−. Se ti consegues que poñan o disco na pick up para todos e ese disco termina antes de que ninguén proteste, non fundamos o centro galego e vemos como facemos para axudar a eses paisanos». Entón, o domingo, el vai alí, leva o seu disco e fala con quen manexaba. Comezou a soar, non me acordo que, pero era unha muiñeira. Aínda non levaba unhas cantas notas, cando sae o presidente do centro español e di: «Quen ordenou poñer isto aquí?». Foi correndo alí e tirou o disco por enriba das paredes do centro. Tivemos que agarrar o Monchiño porque lle quería romper a cabeza ao home. «Ves ‒díxenlle‒, aprendiches unha cousa que todos nós deberiamos aprender». Inmediatamente fundouse o Centro Galego. Cando nós decidimos a fundar o Centro, tivemos esas dificultades que ao mesmo tempo serviron, como pasa con todas as contradicións, para ter máis forza cando saes adiante.

O Centro saíu con moita forza, fundouse a pensión. Ao pouco, un locutor da emisora que estivo a traballar e poñendo diñeiro coma nós, como un galego máis chega un día para dicirnos: «Mirade, no hospital de Barcelona hai uns galegos mariñeiros aos que lles rebentou a lancha e están totalmente queimados, están sen pel». Había un médico entre nós, o primeiro presidente do centro galego, fomos eu e dous máis con el correndo para o hospital: as mosquiteiras estaban perforadas e as moscas andábanlles por riba. O médico asinou pola vida dos dous mariñeiros e levámonolos. A que ía ser a nosa secretaría converteuse na súa enfermería, durante dous meses e pico estiveron alí tratándose.

Por iso digo que a Irmandade Galega de Puerto la Cruz fundouse máis por sentimento que por coñecemento e houbo moita nobreza nos principios desa casa. Eu aínda vou alí e as festas son galegas de verdade. Aquí todo iso acabouse, alí ti ves ao presidente, ao secretario e ao outro facendo polbo, cocido. Eu gozo con esas festas.

‒Despois de tantos anos no país. Cal cres que é a imaxe do venezolano respecto ao galego e a do galego respecto ao venezolano?

A imaxe dos galegos é unha imaxe de xente traballadora e honrada, e non ten en conta aos que puidesen ser piratas. Para nós é máis común non darlle valor aos venezolanos. Esa é unha realidade, non ten xustificación, pero é unha realidade. A impresión que teñen os venezolanos de nós os galegos é de xente nobre, xente honrada, xente traballadora, aínda que non todo sexa de cor de rosa.

 -Até a  década dos noventa e até o último goberno de Manuel Ulloa de Galaica alternáronse na dirección da Irmandade Galega a Agrupación Galaica (progresistas-Galeguistas) e o grupo Unión (conservadores). Acabou esa alternancia? Representan hoxe a Galaica e o Grupo Unión os mesmos valores que hai anos?

A Galaica baixou moito. A Unión lévanos gañando vinte anos baixando votos, eles todos os anos baixan votos, pero nós baixamos máis. A Galaica e o Grupo Unión non representan, hoxe en día, o mesmo que hai anos. Hoxe a Galaica non é a de antes, nin se lle parece. O Grupo Unión tampouco. Nos primeiros anos a oposición era arrecha, dura, forte, pero con sensibilidade política. Hoxe en día iso non existe. A política hoxe móvese por diñeiro non por ideoloxías. Eu son dos que penso que aínda hai xente boa que podemos salvar dentro da Irmandade. O problema noso é que abandonamos a mocidade, non lle demos importancia. A mocidade foise da Galaica porque non a tratamos ben e sen os mozos non se pode facer nada.

Por primeira vez na historia política de Venezuela houbo dous ministros galegos. Esta participación nin trouxo simpatías nin adhesións cara os Gobernos Chavistas. Como afectou á colectividade galega a Revolución Bolivariana?

En Venezuela hai unha psicose anticomunista, a nosa xente está en contra do Goberno do que din que é comunista. Hai que explicar ben que significan as ideoloxías. Despois da Segunda Guerra Mundial houbo unha desastrosa propaganda dos grandes capitalistas contra o comunismo «que si era salvaxe, que mataban a calquera por calquera cousa». Esa propaganda estaba máis viva na España franquista que era da que viñan eses emigrantes dos anos cincuenta e sesenta. Actualmente esa segue a ser a impresión que ten a maioría da nosa xente. Son ideas que se transmitiron aos fillos. Eu coñezo a persoas da Irmandade Galega que sei que son moi boa xente, persoas boas, nobres, traballadoras, pero temerosas do comunismo, cunhas ideas políticas que non evolucionaron desde a mentalidade predominante dos tempos nos que eles emigraron.

Neste contexto, a oposición saca formalmente as súas consignas: «Non queremos comunismo», «Non queremos castristas». E isto convence máis á xente que un argumento elaborado.

“Non hai que permitir que os centros galegos de América se convertan en clubs elitistas”

‒Existe un perigo real de desaparición dos centros galegos en Latinoamérica?. Como ve o futuro dos centros galegos en Venezuela?

A culpa de que os centros galegos estean en perigo de desaparecer témola nós, os galegos, que nos pasamos a vida pelexando entre nós pola consecuencia da guerra civil, no canto de facer o mesmo que fixeron os fundadores da Irmandade Galega, sentar nunha mesa e dicir: «Ti tes unha ideoloxía e voucha respectar, e eu teño a miña, pero aquí estamos a traballar pola Irmandade Galega», así é como se pode facer moito máis. Pero non, pasámonos a vida pelexando, facéndonos trácalas e non recoñecendo asembleas, facendo cousas que non están dentro da lóxica, o que demostra falta de capacidade. Temos que recoñecer que nestes últimos anos a capacidade da esquerda galega na emigración foi baixando enormemente. Nós tivemos xente de verdade moi boa, podería nomear á familia Noia, unha cantidade de xente que se sacrificou e sabían o que querían. Eu penso que os centros galegos en Latinoamérica iranse convertendo en clubs semielitistas, non sei se teremos chance de evitar iso. Son dos que penso que hai que loitar e loitarei até que non poida máis contra iso. O primeiro problema que temos como galegos e como persoas de esquerda é a unidade. No mundo enteiro a esquerda non aprendeu as súas leccións. Ás eleccións, preséntase un grupo de dereitas e corenta grupos de esquerdas, que se se xuntasen todos, arrasarían, pero non o fan porque cremos que nós somos os máis intelixentes e non podemos adaptarnos ao que a maioría decide.

“A Xunta cando vén aquí organiza un xantar, pero nin unha soa conferencia”

Que lle pediría ao goberno galego con respecto aos centros galegos en Latinoamérica, pensando desde Venezuela?

A desgaleguización comezou durante os anos de Franco, a xente da miña xeración crecemos escoitando que o noso non valía para nada. Iso é o que aprendemos desde nenos. Entón, á xeración que podía defender os dereitos de verdade perdémola. Ao goberno galego pediríalle que falase máis coas directivas de todos os centros galegos, que tivesen algunha conferencia cando os van visitar, para demostrarlles que os centros naceron para ser galegos nada máis ‒non para ser clubs‒, e non só para axudar aos galegos con necesidades, senón para difundir a nosa cultura, a nosa historia, as nosas belezas naturais, os nosos barrios, as nosas aldeas, todo, viviriamos unha vida falando diso e non terminariamos de dicilo. Pero o goberno galego vén aquí, agarran os directivos e lévanos a comer e xa falaron con todos. O problema comeza polo noso goberno galego que non ten amor a Galiza de verdade.

-En que cambiou, ou tentou cambiar, a Venezuela de Chávez? Como lle explicarías a un/ha galego/a que non sabe nada de Venezuela o que está a pasar aquí?

Pois explicaríalles, usando palabras de Galeano, que o mundo anda ao revés, que os que fan as guerras, os que matan, os que asasinan, os que destrúen o planeta, os imperialistas teñen fama de bos, son os mellores demócratas do mundo, son a mellor xente. En Venezuela, naquel tempo, cando chegamos á Guaira e vimos tantos “ranchitos” (chabolas), tantas cousas, o primeiro que nos preguntamos foi como era posible que tanta xente tivese que vivir así nun país do que nós tiñamos coñecemento de que había moitas riquezas. Desde que chegou Chávez comezou a preocuparse desa maioría que vivía por todo o interior do país e en Caracas, Petare, Catia e outros barrios marxinais máis. A primeira vez que subín ao cerro máis alto de Petare foi por outra anécdota que me pasou no traballo. Un día chegou un neno, tiña 12 anos, ben limpo con roupa moi pobre, achegouse a min para pedirme traballo. Pregunteille por que e contoume todo o que lle pasaba: que ían operar a súa nai, a amputarlle unha perna, e as súas dúas irmás podían colaborar e el non podía colaborar cos gastos. Pareceume que se eu lle daba diñeiro sería unha esmola e el non me pedía esmola senón traballo. Entón, fíxenlle unha proposta: durante o mes que ía durar alí traballando, el traballaría comigo, non coa empresa, e eu pagaríalle un salario para que llo levase á súa nai. Resultou ser un mozo que despois se gañou a simpatía de todos os traballadores que había. Cobrou e foise. Eu xa o esquecía cando aos seis meses entra polo meu negocio e achégase a min para pedirme un favor. Eu, mal pensado, como somos sempre nós, pensei que me viña a pedir diñeiro, e dime: «Prometinlle á miña mamá que eu o ía a levar ao noso rancho, porque á miña mamá xa a operaron, pero non pode camiñar e quere agradecerlle o que fixo comigo. Pero se cadra vostede non quere ir porque é nun barrio». Eu respondinlle sen saber onde era aínda: «O domingo na mañá vés e lévasme alá». E fomos alí. Ao entrar subindo por esas escaleiras de Petare, os ranchos eran paupérrimos, algo horrible. Entramos no rancho, que non tiña habitacións, era redondo e había catro camas, moi pobre. Cando estou a falar coa señora, dígolle: «Non podo entender que nun país tan rico como este teñades que vivir así». Isto foi hai anos, antes de que chegase Chávez, e cando me estou despedindo respóndeme: «Ai, señor Manolo, e se non fose polo petróleo, o ferro e o ouro, que sería de nós?». E non souben que contestar.

Para rematar algunha vez pensou en como puido ser a súa vida sen emigrar?

Seguiría traballando en Almacéns Romero vinte anos máis, porque eu estaba ben alí, estaba ben tratado. O meu profesor de francés, cando eu estudaba nos Salesianos, escribía novelas policíacas e permitíame andar ao seu lado criticando as súas novelas. Era cura. Unha vez que lle estaba reclamando, deume un golpe na cabeza e díxome: «Mira, Melón ‒eu era rapado e chamábame Melón‒, a medida que vaias crecendo daraste conta de que as mellores cousas da túa vida van pasar por casualidade non porque as busques». Hai dúas anécdotas que marcaron a miña vida en Venezuela: a primeira que contei de como me fixen galego, e a outra foi como atopei á miña muller, a Zaira. As coincidencias non puideron ser maiores. Cando vin para aquí traía unha carta dun amigo meu portugués que vivía en Vigo, para ver se lla podía entregar á súa familia que vivía en Caracas. A oficina da Sudantex estaba na avenida Urdaneta, no edificio Cara. Eu fun alí, entreguei a carta, falei coa xente e funme rápido porque me estaba esperando o carro para irme ao interior do país. Fixen o meu primeiro percorrido, dous anos e medio, e cando regresei fun dereito á Candelaria onde estaba o edificio no que ía alugar unha habitación. Antes de entrar, fun a un bar para tomar unha cervexa e atopeime con outro home dos catro cos que vin a Venezuela e comentoume que había unha habitación baleira, na casa dunha viúva, que era marabillosa. Fomos e quedeime alí. Resulta que despois me decatei de que era o mesmo edificio onde eu entrara, por primeira vez, a entregar a carta do meu amigo. En Caracas, unha capital como Caracas, que era máis pequena que hoxe, pero xa era grande. E resulta que alí, nesa casa, vivía a que foi a miña muller durante tantos anos, Zaira.

Comparte:

Artigos recentes