Resistencia cultural da Comunidade Galega de Venezuela

por: Marisol Cives Lado

Este é o resumo dun artigo que se ven de publicar en Caracas. A súa autora, venezolana filla de galegos, enviounolo amablemente. 

En Venezuela conviven unha cantidade importante de inmigrantes. Moitos chegaron de Europa durante o século XX – como consecuencia dos procesos de guerras e postguerras – e formaron familias e comunidades biculturais.

No que respecta á emigración galega, a partir de 1946 por causa da situación europea, escolle – alén doutros destinos xa coñecidos, coma EEUU, Arxentina, Brasil e Uruguai –  outros novos coma Venezuela. Esta emigración tivo dúas  características diferentes ás anteriores: por unha banda non foi tan masiva e, por outra, tivo un carácter máis familiar o que redundou nunha maior participación feminina.

Esta emigración chegou en dúas etapas:

Na primeira, cos exiliados da guerra civil española, que fuxiron a Portugal, República Dominicana ou Francia (onde algúns estiveron en campos de concentración) e dende alí, unha parte deles, viñeron a Venezuela. Moitos eran intelectuais, profesores, médicos, artistas, escritores, xornalistas, avogados; outros se dedicaron ao comercio, librarías, ferraxerías, etc.

Na segunda etapa, chegaron os inmigrantes, as persoas do pobo, traballadores que – para poder saír do estado español –  debían demostrar non ter antecedentes políticos e ser relixiosos, é dicir profesar a fe católica. Non todos viñeron para quedar, pero un grupo deles fixo de Venezuela a súa segunda patria.

                          Os exiliados da guerra civil

Moitos exiliados desta etapa, foron personaxes sobranceiros que representaron as formas máis visibles e importantes do exilio galego. Puideron arribar a Venezuela, debido – en boa medida – a un vencello moi especial de Rómulo Gallegos cos republicanos, xa que o escritor estivo exiliado no Estado español entre 1933 e 1935 e, nesa época, pasaba os seus veráns en Bueu.

Rómulo Gallegos (1884-1969)

Rómulo Gallegos chegou á presidencia da República de Venezuela, o 14 de decembro de 1947, co partido Acción Democrática, nas primeiras eleccións presidenciais libres realizadas no país. Obtivo 870.000 votos, contra os 262.000 do Rafael Caldera do partido social cristián COPEI. Esta vitoria foi celebrada polos exiliados galegos republicanos, aos que se lle abrirían as portas na nova democracia.

Tralo derrocamento de Romulo Gallegos, nove meses despois da súa elección polo golpe de Estado do Xeneral Pérez Jimenez, moitos destes exiliados comezaron a participar na política venezolana, uníndose á causa contra Pérez Jiménez; mesmo algúns  sumáronse á guerrilla, ata a caída da ditadura seis anos despois, no 1958.

Un dos acontecementos vencellados á loita republicana, máis arraigados na memoria desta comunidade foi o asalto ao barco “Santa María” en 1961, un buque portugués de pasaxeiros, que foi capturado por un comando de 24 persoas, en protesta contra as ditaduras de Portugal e o Estado español.

A operación foi codirixida polo celanovés Xosé Velo, que puido emigrar a Venezuela (despois de fuxir a Portugal), cun pasaporte facilitado por Rómulo Gallegos. Aínda que a intención dos asaltantes era levar o barco a Angola, non puideron cumprir o obxectivo final. A operación rematou, case dúas semáns despois, coa arribada do barco ao Brasil, onde os integrantes do comando recibiron asilo político. Xosé Velo ficou no Brasil, onde fundou a editorial e libraría “Nos”.

Outro dos codirectores do asalto ao “Santa María” (alén do portugés Henrique Galvão), foi o pobrense Xosé Fernández Vázquez – “Comandante Soutomaior” – quen regresou a Venezuela logo da operación e, nos anos seguintes, adestrou a grupos guerrilleiros do país, polo que foi detido. No 1979, logo da morte de Franco, viaxou a España para presentar o libro “Eu roubei o Santa María”. O seu fillo, Federico Fernández, quen tamén participou no asalto e despois, integrouse na guerrilla, foi premio nacional de cultura en Venezuela, no 1995.

   Emigración posterior aos anos cincuenta

Durante a presidencia de Pérez Jiménez en Venezuela, entre os anos 1952 e 1958, promoveuse a chegada de emigrantes do sur de Europa. Fíxose a través da política estatal de “Portas abertas”, orientada a aceptación de persoas provenientes principalmente de países como Italia, Portugal e España. Un dos motivos que atraeu a estes inmigrantes foi o alto valor da moeda venezolana, o bolívar, debido aos ingresos provenientes da explotación petroleira.

Avda, Andrés Bello – Caracas – 1954

Había unha gran oferta de emprego para estranxeiros, debido a que o goberno executou grandes investimentos en obras públicas e ditou en 1955 a lei de Naturalización, que simplificou os trámites para nacionalizarse. Os inmigrantes traían vontade de traballo, desprazados como estaban na Europa de postguerra. Dedicábanse á construción, obras públicas, comercio, panaderías, restaurantes, cafeterías e a agricultura.

Entre 1948 e 1961, rexistrouse en Venezuela a chegada de mais de 600.000 inmigrantes. Un terzo deles procedía de Galicia e outro terzo das Illas Canarias. Os emigrantes adoitaban ter entre 18 e 35 anos, con oficios diversos coma agricultores, artesáns, albaneis, mecánicos, técnicos. Un deles, José Manuel Giráldez, contou como os galegos que viñan de polisóns nos barcos, ao achegarse ao porto, botábanse ao mar e acadaban á beira a nado.

Os portos de entrada a Venezuela eran Puerto La Cruz e A Guaira. E os emigrantes concentráronse en cidades como Caracas, Valencia, Maracay, Maracaibo, Barquisimeto, Mérida, San Cristóbal e Os Teques.

                                                                                                         Testemuñas da emigración

 Marisol Cives. “O meu pai Sergio Cives Manteiga, a miña nai María Elena Lado Lema e a miña irmá Mari Carmen Cives Lado, viñeron a Venezuela nos anos 1955, 1958 e 1961 respectivamente, seguindo a cadea migratoria. Os meus pais rexentaban o Hotel Hispano. O meu pai viaxou no barco Castel Verde” e a miña nai no Begoña. Nós viñemos a Venezuela porque, ao morrer o meu pai, houbo problemas de repartición da herdanza e xa non podiamos estar alí. Cando eu vin, tiña catro ou cinco anos, lémbrome na zona onde eu embarcara co baúl e todo; a avoa levoume ao porto”

Cándido Rodríguez, tamén chegou a Venezuela seguindo a cadea migratoria. Manifesta que a postguerra foi un momento moi duro para a súa familia, aínda que sempre se axudaron os uns aos outros. ”Eu crieime na Galiza coa miña avoa materna, nunha aldea de 60 habitantes e vin eiquí no ano 1965. Ata os 14 anos estiven na aldea e despois o meu pai, con esforzo, mandoume a un internado en Ourense. Alí botei 4 anos e logo vinme a Caracas. Estudiei de noite no Liceo e, despois, fixen economía e contadoría pública na Universidade”.

Juan Manuel Giráldez. Naceu no 1932.  De neno, vivía coa súa nai e irmáns en Vigo. Comezou a traballar aos 13 anos nunha tenda; o soldo non era moi bo e, á volta duns anos, o señor co que traballaba ofreceulle a el e mais a dous compañeiros emprego en Venezuela, pois ían gañar  tres veces máis. Foise no ano 1957, no barco “Santa María; daquela tiña 25 anos.

Juan Manuel Giráldez (1932-2019)

Manuel Álvarez Quiroga. Naceu en Celanova en 1936. Chegou a Venezuela en 1956, onde tiña parentes  “Eu non vin pola situación económica, senón pola ditadura. Cando tiña 15 ou 16 anos, agarráronme na Alameda, dándolle un bico á rapariga; ao día seguinte o meu pai foi citado polo director do colexio, un crego; seica dixéronlle algo de que eu atentara contra a moral. Os domingos todos, había que ir a misa e, durante a semán, a catequese. Estaba prohibido falar galego nos colexios. Eu estaba canso, así que ese verán díxenlle ao cura: “Pai Daniel, queremos ir ao partido de fútbol e a pasear, unha pouca de liberdade”; entón, dixéronlle ao meu pai que tiña un comunista na casa, porque falara de liberdade

Xosé Manuel López Trelles arribou nos anos setenta. O motivo foi a situación económica que se vivía no Estado español nesa época. “Como eu tiña familia en Venezuela, ofrecéronme vir; era a única saída que tiña. Foi unha decisión laboral, querendo buscar outros horizontes que non conseguía na Galiza”.

 

                       Os centros galegos, abeiro da fala e da cultura

Un dos sectores mais represaliados durante o goberno franquista foi o maxisterio de primeiro ensino e o profesorado de ensino secundario, a través dunha normativa de depuración promulgada en 1936. A represión foi moi forte durante a ditadura e abrangueu tamén á universidade. Unha parte do profesorado rematou exiliada e a outra sufriu a depuración con persecución e exclusión. Algúns tiveron que fuxir para poder salvar as súas vidas. As condenas a morte e os fusilamentos durante os primeiros anos do réxime franquista formaron parte da vida cotiá. Outros se marcharon legal ou ilegalmente, ás veces nada máis saír da cadea.

En Venezuela xurdiron varias casas de asociación galegas, das que aínda permanecen as de Maracaibo, Valencia, Puerto La Cruz, Puerto Ordaz e Caracas.

Juan Manuel Giraldez foi fundador da Irmandade Galega de Puerto La Cruz. Contou que vía decote, nos bancos das prazas, a raparigos galegos durmindo neles, e propúxose a idea de fundar un Centro Galego para poder axudalos. “Custounos moito logralo, pois, como existía un Centro Español, o españolismo fanático da época opúxose a que se fundase un Centro Galego”.

 

Xosé Velo (1916-1972)

Logo, trasladouse a Puerto Ordaz por razóns de traballo: “e en menos de tres meses a Irmandade Galega quedou inaugurada”. Despois, foi vivir a Caracas: “A Irmandade Galega fora fundada por exiliados; foron eles os que iniciaron o asociacionismo aquí, en Caracas. Fíxenme socio en 1965 e cadroume ser o secretario de cultura en tres oportunidades (1966, 1985 e 1995)” “Fixemos centos de programas de radio en galego. Foi unha das etapas máis belas da miña vida. A Irmandade Galega era unha extensión de Galicia”.

Manuel Álvarez Quiroga tamén nos fala dos programas de radio que difundían as asociacións galegas, cos que colaboraron moitos poetas desde Galicia, que enviaban as súas composicións e artigos, que en España non se podían publicar nin ler: “Estes programas recibiron felicitacións, porque eran en galego, de mariñeiros dende Galicia e mesmo das illas de San Martín e Guadalupe, no Caribe”. Castelao participou, dende a Arxentina, neses programas . Por esta razón a embaixada de España tentou pechalos dúas veces, aínda que sen resultado,

Celso Emilio Ferreiro, era un dos escritores que enviaban artigos. Mais tarde, foi contratado pola Hermandad Gallega para dirixir a secretaria de cultura e o programa de radio “Sempre en Galiza”, o xornal mensual e o colexio Castelao. Mesmo estivo no gabinete do presidente da República, Rafael Caldera, como corrector dos seus discursos. Foi nesa época cando escribiu o libro “Viaxe ou país dous ananos”.

Consideración final

A comunidade galega en Venezuela, viviu en parte o que fixo Galicia, expresáronse os seus medos, triunfos, perdas, sentimentos, etc. Quedáronse aquí, reflectindo unha realidade da súa terra, construíndo espazos simbólicos, pero con outras características propias de Venezuela e grazas ás liberdades que o país lles ofreceu, e ao amor polos seus costumes e a súa lingua. As súas publicacións aínda serven de referencia xa que, baixo a ditadura franquista, as diferentes culturas nacionais sufriron persecución, ata o punto de prohibir as súas linguas, para darlle maior énfase á españolidade.

 

RESISTENCIA CULTURAL DE LA COMUNIDAD GALLEGA DE VENEZUELA