“Vento de lúa nova” en Latinoamérica

Farruco Sesto, na súa “Pandeirada ao Ché”, canta a un “vento de lúa nova”. Se cadra, foi ese vento o que, durante  o 2021 -e malia a pandemia- zoou a prol dos pobos de Latinoamérica e o Caribe, nun un claro cambio de tendencia que, as previsións xerais, din que se vai acelerar durante este ano.

A situación acontece ao tempo que os EEUU está a recuar no mundo, tanto na súa capacidade militar (como confirma o xeito da retirada de Afganistán), como no seu pretendido liderado político.

Un estudo recente, publicado por The New York Times, afirma que “os aliados de Estados Unidos están a impulsar o devalo da democracia no mundo” e que só o 17% da poboación dos seus países cren que a democracia estadounidense é un exemplo a seguir.

Como mostra dese vento liberador en Latinoamérica, velaí algúns feitos determinantes acontecidos nos últimos meses en media ducia de países: Cuba, Honduras, Nicaragua, Venezuela, Perú e Chile

Cuba

A revolución cubana, ven de cumprir 63 anos, sempre baixo o bloqueo estadounidense (cualificado de“medieval” e inhumano” por López Obrador, presidente de México) e os milleiros de millóns de dólares que USA utiliza para financiar agresións, organizacións anticastristas, propaganda falsa e recrutamentos para “un emprego chamado disidencia” (como di o escritor colombiano Hernando Calvo Ospina.)

No pasado mes de xuño, volveuse repetir -como tódolos anos- na Asemblea xeral da ONU a votación contra o bloqueo co que os EEUU, tenta abafar á illa. O resultado da votación, non precisa comentario ningún: 184 votos a prol do remate do bloqueo, por só 2 en contra (USA e Israel).

A chegada de Biden á presidencia dos EEUU, non mudou un chisco a política  imposta por Trump. Foi así como, o pasado 11 de xullo, Estados Unidos tentou promover unha xornada  de mobilizacións contra do Goberno cubano -anunciada ao mundo coma o “fin do castrismo”- que foi un gran fracaso. Un novo intento, o 15 de novembro, rematou nun aínda meirande ridículo

Como di a xornalista Rosa Miriam Elizalde, semella que -os gobernantes de EEUU- teñen tanta frustración con Cuba, pola chea de fracasos amoreados nestes 63 anos, que a illa se converteu para eles nun trastorno obsesivo-compulsivo.

 

Grazas a que hai un sentimento de amor aos demais e de solidariedade de todos cara a todos, somos fortes“, dixo Fidel.  Bo exemplo desa solidariedade, son as brigadas médicas cubanas espalladas polo mundo.

Pero Cuba non só resiste, senón que achega solidariedade ao mundo. Mesmo é quen de facer cousas que -di un recente artigo de The Guardian– dende fora, poden semellar incribles, coma situarse na vangarda da investigación farmacéutica mundial (situación confirmada pola UNESCO nun informe sobre a Covid) e no liderádeo de Cuba en Latinoamérica e o Caribe, o que lle permitiu o desenvolvemento e produción de tres vacinas).

Honduras

Honduras, dende a súa independencia, foi un territorio baixo o control dos Estados Unidos.  Dos seus dez millóns de habitantes, máis do 70% viven na pobreza.

Até agora, e durante máis dun século, no seu Goberno se mantiña unha rutineira alternancia de poder entre dous partidos, interrompida a miúdo por golpes de estado. O último deles, no 2009, foi contra Manuel Zelaya, un presidente que ousara manifestar a súa simpatía por Cuba e Venezuela.

O aínda presidente, Hernández, levaba 8 anos á fronte do país, entre unha morea de acusacións por narcotráfico, corrupción e fraudes electorais.

Para mudar de xeito radical tal estado de cousas, fundouse, hai dez anos, un partido de esquerda -“Liberdade e Refundación”- baixo o lema “En Honduras, a revolución é inevitable”, que defende a democracia participativa. A iniciativa foi acollida cun crecente apoio popular, que culminou nas eleccións presidenciais do pasado novembro, cando a súa candidata, Xiomara Castro (muller do expresidente derrocado Celaya), resultou elixida para gobernar o país, e o partido acadou a maioría no parlamento hondureño e en mais da metade dos municipios do país.

Nicaragua

Dende a súa independencia do Estado español, o pobo de Nicaragua tivo que loitar contra os intentos de EEUU de mantelo baixo o seu dominio. Ás veces, tentaron-o con invasións militares e, outras, impoñendo gobernantes ao seu servizo, coma aconteceu durante os 42 anos da brutal ditadura da familia Somoza. Foi así até a vitoria, no 1979, da insurrección dirixida pola Frente Sandinista.

Dende aquela, Estados Unidos non deixou de tentar recuperar o dominio do país por tódolos medios: exércitos de mercenarios, sabotaxes, minado de portos, bloqueo económico (semellante ao de Cuba) e chantaxe electoral, baixo a ameaza de manter a guerra e o bloqueo. Logo de 10 anos, o pobo non puido aturar mais a situación de guerra e bloqueo e, en 1990, rematou por dar o seu voto a unha candidatura “amiga” de EEUU.

Pero, nas eleccións do 2006, farto de 16 anos de neoliberalismo, volveu apoiar á Frente Sandinista, decisión que repetiu nas eleccións de 2011 e 2016 (co 72% dos votos)

O pobo nicaraguano sabe que o FSLN é quen sempre o defende. Por iso, en novembro, no medio dunha atronadora campaña mediática mundial antisandinista  e a ameaza do Senado USA de aprobar a “Lei RENACER”, que reactivaría o bloqueo, votou abrumadoramente a prol de Daniel Ortega

Voltaron, entón, as ameazas e a inxerencia aberta dos EEUU contra o seu pequeno veciño centroamericano, promovendo e financiando conflitos para forzar a caída do Goberno. O cumio desas provocacións, foron as accións violentas do ano 2018 (semellantes ás “guarimbas” de Venezuela), que causaron máis de 200 mortos.

As agresións non abondaron para intimidar aos sandinistas, que -malia todo- acadaron importantes melloras nas condicións de vida do pobo, con especial esforzo en saúde, alimentación e educación. E a economía, en xeral, está a avanzar de tal xeito que, durante o 2021, o país rexistrou un crecemento récord do seu PIB dun 9,1%.

Nos meses anteriores á data das eleccións, o pasado 7 de novembro, multiplicáronse a campaña mediática internacional e as intervencións de USA (coa complicidade aberta do Goberno español) nos asuntos internos de Nicaragua, incluíndo o “asesoramento” e financiamento da oposición. Pero non foron dabondo: o dirixente sandinista Daniel Ortega, resultou elixido presidente, cun 75,9% dos votos, fronte aos cinco candidatos opositores.

Venezuela

Dende hai anos, Venezuela tamén está a aturar unha chea de agresións de moi distinto tipo (a chamada “guerra híbrida”), promovidos por EEUU, que inclúen bloqueo económico, aillamento internacional, roubos, incursións armadas, sabotaxes, guerra psicolóxica contra o pobo e campañas mediáticas de falsidades.

Nesta guerra, no Goberno español -posicionado á beira de EEUU- da acubillo á oposición violenta venezolana e dirixe a posición da Unión Europea contra Venezuela . Alén diso, á oposición antichavista dispón, no Estado español, dun grupo de “benfeitores”, dispostos a financiar toda caste de agresións contra o país caribeño, incluída a preparación de atentados, como a voadura do edificio da Asemblea Nacional de Venezuela durante unha sesión plenaria.

O goberno español protexe en Madrid ao prófugo venezolano Leopoldo López, malia que ten probas dabondo, como as da preparación da voadura da Asemblea Nacional nunha sesión plenaria. O seu pai, a quen se lle concedeu nacionalidade española, preside a Comisión de DDHH do Parlamento Europeo

Venezuela non so conseguiu resistir as agresións, senón que, ao longo do 2021, ten acadado vitorias moi importantes nos eidos político, económico e social, que confirman que, tamén alí, está a virar a dirección do vento:

  • O Goberno mantivo negociacións a fondo coa oposición, como resultado das que, nas eleccións rexionais e municipais do pasado novembro, participaron tódolos partidos opositores.
  • Coa presenza de observadores da ONU e da Unión Europea, esas eleccións foron gañadas polo chavismo en 19 das 23 rexións do país.
  • No ámbito diplomático, a Asemblea Xeral da ONU rematou en decembro co engano -repetido con teima por EEUU- de que “mais de 60 gobernos” recoñecían como presidente de Venezuela ao “autoproclamado” Guaidó. Dos 193 países da ONU, só 14 votaron en contra da lexítimidade do Goberno bolivariano.
  • Conseguiu rachar o bloqueo estadounidense na produción e venta de petróleo (a súa exportación mais importante), de xeito que, ao remate do ano, Venezuela xa estaba a producir a un ritmo de un millón de barrís/día.

Perú

Ao comezo do 2021, Perú tiña o tristeiro récord de que tódolos seus presidentes nos últimos 30 anos, foran destituídos por corrupción. Alén diso, os partidos tradicionais carecían de credibilidade. Mentres, as clases populares estaban a aturar unhas condicións de vida cada vez mais difíciles.

O devalo comezara no 1990, coa elección dun presidente, Fujimori, que deu un autogolpe de Estado e -seguindo o que fixera Piñochet en Chile- implantou un modelo neoliberal. Aínda que, dez anos despois, Fujimori foi destituído e condenado por delitos de lesa humanidade e corrupción, o neoliberalismo continuou vixente até agora.

Os seguintes catro presidentes, foran destituídos baixo a acusación de recibiren millóns de dólares da construtora brasileira Odebrecht. O sexto presidente desta xeira, foi obrigado a dimitir -acusado de “incapacidade moral”- polo Congreso (no que estaban procesados, tamén ​​por corrupción, 68 dos seus 130 deputados). Isto acontecía en novembro do 2020.

O seu substituto só durou 5 días no cargo, porque o pobo, desesperado, botouse á rúa a berrar “que se vaian todos” e a esixir unha mudanza radical. A indignación rebordou rúas e prazas, con manifestacións dunha magnitude que non se lembraban dende había moitos anos.

Malia dura represión, as mobilizacións acadaron o seu obxectivo e, nas eleccións presidenciais,celebradas no pasado mes de xuño, nun ambente de grandes movilizaciones populares, gañou o candidato da esquerda, Pedro Castillo.

O novo presidente do Perú, Pedro Castillo, era un descoñecido para a clase política e a meirande parte da poboación urbana. Traballou a súa vida toda nunha vila rural, onde ensina aos seus alumnos – ademais das materias habituais – a cultivar a terra.

Castillo, un mestre rural descoñecido na vida pública peruana, tiña afirmado na primeira volta electoral: “Hai xente que non ten nada que comer ,á beira de millonarios que viven en mansións, que se apoderaron de todo, mesmo da dignidade das persoas. Isto ten que rematar. A segunda volta das eleccións véxoa entre ricos e pobres, entre os patróns e os obreiros”.

Unha das primeiras decisións do novo presidente, foi retirar a Perú do bloque de gobernos do chamado “Grupo de Lima”, creado por EEUU e a UE para atacar a Venezuela.

Chile

Até hai pouco mais dun ano, os gobernantes españois e os principais medios de comunicación do Estado, presentaban a Chile coma un exemplo para Latinoamérica, pola súa “estabilidade” política e o seu “milagre” económico. Tiñan motivos:  a referencia da elite chilena para a súa “transición á democracia” despois da renuncia voluntaria de Pinochet, fora a “transición española”.

Os dous partidos mais importantes que consensuaron a transición, o Demócrata-Cristián e mailo Socialista, garantiron a continuidade do neoliberalismo, que o ditador impuxera a sangue e lume, e que incluía a privatización dos servizos básicos, nun país que, segundo o Banco Mundial, é un dos mais desiguais de Latinoamérica.

E a situación permaneceu así durante 30 anos, nos que se foron alternando no Goberno os partidos tradicionais, a pesar de que carecían de calquera credibilidade: as enquisas de opinión amosaban que só un 2% da poboación confiaba neles.

En outubro do 2019, o pobo estoupou. The New York Times describiuno deste xeito: “Se algo deixou claro a cidadanía que saíu á rúa, foi a inmensa distancia que sinte respecto ás elites políticas, tanto do goberno como da oposición. O que se demanda non é só o fin do sistema neoliberal imposto durante a ditadura de Pinochet e dulcificado polos gobernos da alianza de partidos, senón tamén unha democratización no senso máis amplo”.

O pobo chileno estoupou, logo de aturar durante 30 anos de empeoramento cotián das súas condicións de vida. As mobilizacións rebordaron na rúa e nas urnas aos partidos políticos que pactaran a “transición democrática”

As protestas, foron as mais importante das últimas décadas. Aínda que a represión foi brutal, cun saldo de 30 mortos e milleiros de feridos e detidos, a presión imparable da rúa levou a convocatoria dun plebiscito, realizado un ano despois. Nel, decidiuse que unha comisión, elixida por votación popular, redactara unha nova constitución.

As eleccións para esa comisión realizáronse no pasado mes de maio. Foron un terremoto electoral e confirmaron a decisión do pobo chileno, de continuar polo camiño que comezara ano e medio antes: a mudanza do orde imposto, cara a unha sociedade mais xusta, incluíndo o recoñecemento dos dereitos dos indíxenas, historicamente marxinados.

Os partidos de centro-esquerda, que se estaban a alternar no Goberno chileno coa dereita, sufriron unha dura derrota fronte aos movementos populares e de esquerda.

Foi un anticipo do que aconteceu despois nas eleccións presidencias -celebradas o pasado 19 de decembro– que gañou o candidato da coalición de esquerda, Gabriel Boric, xurdido das mobilizacións sociais do 2019.

Colombia e Brasil, axiña

Neste ano 2022, dous países importantes de Latinoamérica, Brasil e Colombia, teñen eleccións, con altas expectativas de cambio a prol da esquerda:

Entón, no 2022, en Latinoamérica seguirá a zoar o “vento de lúa nova”, aínda con mais pulo.